Temas: FRASEOLOXíA

Expresións equivalentes en galego á castelá “andarse # irse por las ramas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 22/10/2023 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

E seguindo dentro do amplo ámbito semántico referido a aquelas situacións en que tentamos esquivar –ou, cando menos, non acometer dun xeito directo, aberto e franco– certos temas que aparecen na conversa ou no discurso, fornecemos nesta ocasión algunhas posibilidades fraseolóxicas presentes na nosa lingua para dar conta do fraseoloxismo que en castelán se enuncia como andarse # irse por las ramas.

Un home colle unha oliva dunha rama dunha oliveira durante o comezo da recollida cultiva en Quiroga
Un home colle unha oliva dunha rama dunha oliveira durante o comezo da recollida cultiva en Quiroga | Fonte: Carlos Castro

Andarse # Irse por las ramas

Andarse # Irse por las márgenes

{= 1. Falar dun asunto sen ir ó miolo ou á súa parte fundamental, e entreténdose en cuestións superfluas, circunstanciais, accesorias ou pouco importantes. 2. Entreterse no accesorio ou no menos importante, ou desviarse do principal.}

Andar # Ir(se) polas ramas

[E MAIS]:

Vir # Andar... con voltas # reviravoltas # dirindainas

Vir # Andar... con rodeos # arrodeos

Ex. (acepc. 1): Por favor, dime lo que tengas que decir y no te andes por las ramas.

Por favor, dime o que me teñas que dicir e non me andes polas ramas e non me veñas con voltas e non me andes con reviravoltas e non me veñas con dirindainas.

Ex. (acepc. 2): El Gobierno decidió acabar con los disturbios sin andarse por las ramas.

O Goberno decidiu acabar cos disturbios sen andar con voltas sen máis voltas sen andar con reviravoltas sen andar con dirindainas sen andar polas ramas.

● E tamén:

Andar # Vir... con lerias # lerios # trapalladas # contos # historias

Andar # Vir... con trécolas # sécolas # andrómenas # pataqueiradas # muiñeiras

● E mesmo, se cadra como calcos-adaptacións do castelán:

Andar # Ir(se) polas pólas

Andar # Ir(se) polas beiras

NOTAS:

1. Nótese a estreitísima relación –e posibilidade de confluencia en moitos contextos, coas pertinentes adaptacións que fagan falla en función de cada discurso en concreto– destas expresións coas que veremos na vindeira entrega, correspondentes ás equivalencias da locución castelá sin rodeos.

2. A expresión andar # ir(se) polas pólas, que lle pode chamar a atención a bastante xente, está inspirada ou tirada (en enunciación negativa: «Non s'anda polas pólas.») do artigo de María Carme Paz Roca “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XXV/75, pp. 70-88. Ano 1970.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta