Sanidade asegura que as analíticas da auga en Corme reflicten "incumprimentos graves"

Destaca que a presenza de norovirus e xermes "supera os límites esixidos para garantir a potabilidade". O Concello asegura que "continuará coa repartición de auga embotellada", para o que establece como punto de almacenamento e distribución a lonxa nova.

Por Europa Press / Redacción | Ponteceso | 27/09/2019 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade asegurou este venres que as analíticas da auga da traída da poboación de Corme-Porto, no concello coruñés de Ponteceso, reflicten "incumprimentos graves" ao "superar os límites legalmente esixidos para garantir a potabilidade".

Imaxe dunha depuradora.
Imaxe dunha depuradora.

"Os resultados das mostras da auga para determinar a presenza de norovirus foron positivos e os resultados doutros parámetros indican a existencia de incumprimentos graves", explicou Sanidade.

Por iso, incidiu en que o departamento sanitario "volverá realizar novos controis na auga da traída municipal". Neste sentido, mantén a recomendación de "evitar a inxesta da auga da traída municipal de Corme-Porto" e o "lavado de alimentos que logo se consomen crus".

Así llo trasladou na mañá deste venres o departamento sanitario tanto ao alcalde de Ponteceso como ao responsable do fornezo da auga tras os resultados das analíticas nas que se detectaron "a presenza de norovirus, bacterias coliformes e a sospeita de Clostridium perfringens por enriba dos parámetros legalmente permitidos".

Por mor diso, o equipo de expertos constituído pola Consellería de Sanidade para o estudo do brote de gastroenterite, tras valorar os resultados analíticos, ditaminou que "segue sen ser segura a inxesta de auga da traída municipal, así como o lavado e manipulación de alimentos que se consuman crus".

Así mesmo, Sanidade reitera a súa recomendación de medidas preventivas para evitar o contaxio persoa a persoa como lavar ben as mans e lavar a froita e vexetais con auga non contaminada antes de comelas, entre outros consellos.

O departamento autonómico tamén incide na "necesidade de refugar o vómito e a materia fecal con coidado" para evitar a propagación aérea do norovirus. Tamén aconsella desinfectar as zonas contaminadas co virus con lejía e usar luvas.

COLABORACIÓN

Ao mesmo tempo, o goberno municipal explicou que "seguirá colaborando coa Consellería de Sanidade para erradicar a contaminación da auga o máis pronto posible".

O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, apuntou que o "problema de potabilidade" afecta "en exclusiva" a Corme-Porto, onde aconsella que "se use auga embotellada tanto para beber como para cociñar e para lavar alimentos".

PONTECESO

O alcalde de Ponteceso, Xosé Lois García Carballido, asegurou que prosegue o "traballo detectivesco" sobre a orixe da contaminación da auga en Corme tras detectar as últimas analíticas "axentes contaminantes".

Así o destacou despois de coñecerse a presenza de dúas bacterias na auga da traída en Corme Porto, supostamente causante do brote de gastroenterite cunha trintena de afectados o municipio.

"Imos facer en diferentes puntos análises na rede", destacou o rexedor, que explicou que a auga que sae do depósito "está en bo estado", polo que hai que "ver onde está o problema".

Respecto diso, subliñou que a Consellería de Sanidade mantén a recomendación de non usar a auga da traída en Corme-Porto e o Concello dirixiuse de novo á empresa concesionaria da auga para reclamarlle que "garanta a potabilidade".

CASOS EN REMISIÓN

Sobre os afectados con gastroenterites, o alcalde ratificou que "a situación mellorou moito" e "foron remitindo moito os casos".

Por todo iso, apostou por seguir coas analíticas para esclarecer a orixe, polo que pediu "paciencia" á poboación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Auga ras

Sería para botarse a rir pero é para botarse a chorar. O peor é que a auga é mala de solemnidade na maior parte de Galicia. Din que as comparacións son odiosas pero podían comparar co resto de Europa Occidental onde se pode beber e é unha marabilla. Pero claro, a maior parte nunca saiu a un lugar civilizado para comparar. E si, as comparacións son odiosas pero para quen as perde.