Por E.P. | | 16/10/2019 | Actualizada ás 13:50
O novo traballo de 'Funboa Escénica' verá a luz este fin de semana en Santiago de Compostela. A artista Cristina Balboa subirase ao escenario do Salón Teatro para compartir co público o seu particular ritual de sanación, a ritmo de música 'techno' e no que as composicións visuais e a performance adquiren un papel capital na construción da historia.
Todo iso estará en 'O que segue', unha coprodución do Centro Dramático Galego que se poderá gozar a partir deste venres na capital galega e na que os traumas da infancia, os gurús e o misticismo se darán a man nunha pequena viaxe de superación.
A propia Cristina Balboa explicou que a construción do relato apóiase en "catro patas" moi específicas: o texto, a música, a videocreación e a danza, entendida como "o acto lúdico" dun festival techno no que se busca a "complicidade do público".
Trátase, en suma, dun "ritual de sanación" que a artista decidiu levar a escena e no que compartirá co público as súas vidas e fantasmas do pasado, as inquietudes da chamada "xeración perdida", aquela "que vía Karate Kid", e coa que busca unha conexión.
"Moito medo á morte, medo a envellecer, que están tratados dunha forma, cara a unha especie de revelación escénica que comparto cos demais. Por iso está presente o tema dos gurús e as pseudociencias. Unha pequena catarse, iso quero que sexa".
O humor será a clave de toda a obra na que, a pesar de que hai unha única persoa en corpo presente en escena, haberá "moitos personaxes" traídos de diferentes maneiras e mecanismos, unha parte "importante" da peza.
TEMPADA ESCÉNICA
O acto de presentación desta obra contou coa presenza de Manuel Parra, asistente de dirección, e outros membros do elenco artístico.
Tambén participou o director de Agadic, Jacobo Sutil, que enmarcou esta creación no programa de coproducións do Centro Dramático Galego para esta tempada escénica xunto a outros proxectos "tan diferentes" como 'Se fosen turistas levarían lentes de sol', de Limiar Teatro', ou 'A amnesia de Clío', de Voadora.
'O que segue' poderase ver no Salón Teatro esta fin de semana ás 20,30 horas, para as sesións do venres e o sábado, e ás 18,00 horas do domingo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.