Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 12:14
Un paciente faleceu o pasado xoves no servizo de urxencias do Complexo hospitalario de Santiago de Compostela mentres agardaba para ser atendido, informou este martes o sindicato de médicos O'Mega, que advirte de que xa son seis os mortos en situacións parecidas en Galicia.
O paciente morreu "cando estaba a esperar, nun corredor, a ser atendido por un médico, xa que todos estaban ocupados con outras urxencias e, a pesar de ser levado á unidade de críticos, nada puido facerse pola súa vida", apunta o sindicato. Precisa que o paciente foi "estacionado nun corredor" á espera de que un médico iniciase unha exploración e avaliase un diagnóstico, "algo que se produce con frecuencia neste servizo".
O paciente estivo en espera "algo máis dunha hora, que non é tempo excesivo", indica Omega, pero observa que o lugar en que foi instalado estaba "fóra do control directo do persoal sanitario". Apunta que "non é infrecuente o falecemento dun paciente nun servizo de urxencias" dun hospital, ao que xeralmente acoden persoas en "situacións de risco vital".
O'Mega advirte de que "o problema xorde cando esa morte se produce nunha contorna que atenta coa dignidade da persoa e dos seus achegados, aos que se lles deixa na dúbida de se puido facerse algo máis". O sindicato de profesionais de medicina considera que "o persoal sanitario, especialmente médico, actuou con dilixencia e non é punible".
Con todo, cuestiona que hai un "un veo escuro que oculta o chegar a outros posibles responsables das carencias estruturais dos servizos de urxencias, xa que son cargos de designación política que só poden xulgarse nese ámbito".
Os avogados deste sindicato médico estudan acudir á vía penal, "ben a Fiscalía ou a un xulgado de Instrución", para denunciar "outra morte nun corredor" de Urxencias. "Despois arquivarana dicindo que é polo mal funcionamento dos servizos públicos", sinalou en relación a que as últimas denuncias neste sentido foron sobreseídas.
EN MENOS DE DEZ MINUTOS
Pola súa banda, fontes da xerencia sanitaria de Santiago lamentaron o falecemento deste home, de 84 anos, e puntualizaron que tras unha "primeira análise do sucedido", conclúese que "o paciente tivo a primeira atención sanitaria en menos de 10 minutos da súa chegada" a este servizo.
O falecido é un paciente de 84 anos "con numerosas comorbilidades", puntualizaron as mesmas fontes da xerencia compostelá, que na "primeira valoración sanitaria foi clasificado como prioridade non grave". "Os seus parámetros non revelaban a gravidade nin indicaban prioridade sanitaria", abundaron.
As mesmas fontes da xerencia sinalaron que cando estaba á espera de ser situado en box para unha segunda exploración, produciuse "unha deterioración da súa saúde", polo que foi "inmediatamente ingresado na zona de críticos" onde, posteriormente, aseguran as mesmas fontes, "se confirmou o seu falecemento".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.