Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2020 | Actualizada ás 11:11
O vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias, ratificou que a xestión da autoestrada AP-9 pasará a mans da Xunta, unha das peticións unánimes do Parlamento e que constitúe un dos compromisos do presidente, Pedro Sánchez, adquiridos para a súa investidura.
"Téñoo clarísimo. Este goberno vai ter que dar as competencias da xestión desta autoestrada ao Goberno galego", afirmou Pablo Iglesias, nunha entrevista na TVG, recollida por Europa Press, con motivo da súa visita este venres e sábado a Galicia, onde participou nun acto institucional coa Raíña Letizia e arroupou ao candidato de Galicia en Común-Anova, Antón Gómez-Reino, á Presidencia da Xunta nun acto de partido.
Así, Pablo Iglesias defendeu que o Goberno que preside Pedro Sánchez en coalición coa formación morada "está a demostrar que todos os territorios teñen a mesma importancia, independentemente das súas características". "Está comprometido en cumprir os prazos, sempre respectando as normas e a seguridade", remarcou.
"E no que respecta á autoestrada, téñoo clarísimo. Este Goberno vai ter que dar as competencias da xestión da autoestrada ao Goberno galego", remachou.
PETICIÓN UNÁNIME DE GALICIA
A transferencia da AP-9 a Galicia foi unha petición unánime do Parlamento autonómico, pero sucesivamente foi bloqueado en Madrid no Congreso e posteriormente polo Goberno de Mariano Rajoy, aínda que o PP galego forma parte desta reclamación.
BNG
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, amosouse molesta con este anuncio e afirmou que a transferencia da AP-9 é un logro que "conseguiu o BNG" no pacto para a investidura como presidente do Goberno de Pedro Sánchez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.