A cifra de positivos en Galicia achégase aos 5.000 e as mortes elévanse ata as 168

A morte nas últimas horas de nove persoas, oito con patoloxías previas e un home de 90 anos sen elas, que foran diagnosticadas con coronavirus elevan os falecementos a un total de 168 vítimas mortais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/04/2020 | Actualizada ás 14:11

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade informa de que o número de casos activos por coronavirus en Galicia ascende a 4.926, con 531 altas e 168 falecementos. 

Test rápido de detección do coronavirus
Test rápido de detección do coronavirus | Fonte: @miguelnúñez

Do total de doentes, 1.029 pertencen á área da Coruña; 588 á de Lugo, 875 á de Ourense, 432 á de Pontevedra, 1.055 á de Vigo, 694 á de Santiago e 283 á de Ferrol. Hai 177 pacientes en Unidades de Coidados Intensivos e 891 en planta de hospitalización, pero o resto (case 4.000) permanecen nos seus domicilios.

Nas últimas horas o Sergas rexistrou a morte de nove persoas pola Covid-19: oito con patoloxías previas e un home de 90 anos sen elas. Concretamente, trátase dun home e unha muller de 64 e 66 anos, respectivamente, que estaban ingresados no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF); e dunha muller e un home, de 84 e 94 anos, que permanecían no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).

Tamén faleceu unha muller de 82 anos que recibía atención médica no Hospital do Barco de Valdeorras; un home e unha muller de 69 e 93 anos ingresados no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); ademais dun home de 78 que se atopaba no Hospital Álvaro Cunqueiro. Ademais, tamén morreu outro home de 90 anos no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña sen patoloxía previa.

Así, as mortes rexistradas ata agora foron 49 na área sanitaria da Coruña, 33 na área de Vigo, 31 na área de Ourense, 22 en Santiago, 12 na área de Lugo, 12 en Ferrol e 9 na área sanitaria de Pontevedra.

No entanto, hai que ter en conta que, no balance de falecidos trasladado por Sanidade non figuran as mortes que se rexistran fóra dos hospitais, entre elas, as que teñen lugar en residencias de maiores. Segundo datos de Política Social, nestes centros xeriátricos producíronse ata agora 32 falecementos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta