Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2020 | Actualizada ás 13:36
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "tentar ocultar" o que ocorre nas residencias de maiores, onde os casos activos da COVID-19 aínda son case 500 entre traballadores e usuarios. Aféanlle ao PP o feito de "evitar" que compareza no Parlamento a conselleira de Política Social, Fabiola García.
Segundo denuncia o Partido Socialista a través dun comunicado, os populares bloquearon que García acuda a próxima semana á sesión da Deputación Permanente -que se reactiva tras un acordo de todos os grupos-, mentres a Xunta "decidiu unilateralmente" que o faga o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.
"Queremos que compareza a conselleira de Política Social para que dea información detallada e para que explique a súa xestión nas residencias de maiores e o modelo de privatización que fixo o PP ao longo de máis dunha década na Xunta", subliña Caballero.
Tras lembrar que case a metade dos falecidos en Galicia pola incidencia da COVID-19 están relacionados cos xeriátricos -266, segundo o último balance-, o líder do PSdeG sinala o "descaro" de Feijóo por tentar atribuírse "unha falsa anticipación" ante a pandemia do coronavirus.
"COMPETENCIA DA XUNTA"
E é que, tal e como explica, os "peores" escenarios de contaxios na Comunidade prodúcense en ámbitos que "son competencia da Xunta", como a sanidade e os servizos sociais.
Ademais, lamenta que o Goberno galego non interviñese todas as residencias nas que houbo contaxios masivos. "Feijóo tivo o descaro de dicir que a Xunta se anticipou á chegada do virus ás residencias... Se fose así, por que non as illou para protexer aos nosos maiores?", pregúntase.
Por todo iso, Gonzalo Caballero urxe a facer "unha análise transparente" do que ocorre nos centros de maiores, así como das medidas adoptadas polo Executivo de Feijóo neste contexto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.