Vertedoiro de Miramontes, división de opinión sobre unha "bomba ecolóxica" ao carón de Compostela

Os veciños do vertedoiro de Miramontes están divididos. A maioría acepta a presenza da canteira de áridos, non tanto o uso de parte dela como vertedoiro. Outro grupo denuncia que se cometen irregularidades coas verteduras dentro da canteira. En maio un incendio dentro do vertedoiro acendeu as alarmas e tamén as acusacións mútuas entre colectivos de veciños e autoridades municipais.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O camiño á canteira de Miramontes está a 7 km desde o centro de Santiago en 10 minutos pode chegarse en vehículo propio. De camiño ao lugar imos por estradas rurais, maiormente asfaltadas polas empresas que traballan dentro da canteira. “As estradas son competencia municipal, mais as empresas asfaltan elas para que non haxa po en suspensión” di Antonio, un dos veciños do lugar e que forma parte da Plataforma de afectados polo vertedoiro Santiago-Miramontes.

Auga polucionada con desaugues desde o vertedoiro de Miramontes
Auga polucionada con desaugues desde o vertedoiro de Miramontes | Fonte: GC

Durante a viaxe contamos sete camións para transporte de grande tonelaxe. Os que van en dirección á canteira levan os remolques tapados cunha lona, ao revés dos que xa saen da zona de descarga. “Todos os días pasan algo máis de 30 camións por diante da miña casa” di Mari, veciña da canteira que está a uns metros da súa casa.

CHEIROS

A plataforma de afectados polo vertedoiro Santiago-Miramontes non está constituída legalmente e son entre vinte e vinte e cinco persoas as que a forman. “Aquí hai entre 200 e 300 veciños, a maioría non entran a cuestionar a canteira, por iso somos un número relativamente pequeno os que levamos adiante accións legais” sinala Antonio. “A maioría da xente que vive aquí non pagan area nin pedra para os seus traballos” sinala Mari, por iso a veciñanza non cuestiona a canteira, si o vertedoiro.

Cos diferentes cambios lexislativos en relación ao depósito de residuos, moitas canteiras ao longo do país convertéronse en vertedoiros de todo tipo de refugallos. Aínda que existe a obrigatoriedade de separar os diferentes tipos de lixo para diferentes tratamentos, os veciños que levaron adiante accións contra o depósito de determinados residuos, sobre todo orgánicos.

Camión con refugallos camiño do vertedoiro
Camión con refugallos camiño do vertedoiro | Fonte: GC

A concentración de residuos en terreos que anteriormente foran explotacións de áridos ou minas, leva parella unha serie de consencuencias. Só para nomear unhas poucas están o amoreamento por riba das capacidades do lugar, con posible perigo de derrube, as filtracións de lixiviados a correntes de auga quer na superficie quer subterráneas. Isto como consecuencia da concentración excesiva de tecnosolos, residuos de depuradoras de auga que son mesturados con terra.

O problema da filtración de lixiviados en acuíferos levou aos veciños a presentar queixas e denuncias diante das autoridades. “O problema é que aquí en Miramontes depositaron materia orgánica moi por encima das cantidades admitidas no proxecto” di Antonio. Nestes momentos a cuestión relativa a Miramontes está xudicializada.

A acumulación de materia orgánica en descomposición trouxo cheiros que se comezaron a frear só desde hai meses. O exceso de materia orgánica depositada no vertedoiro, segundo membros da plataforma, fixo que aparecesen bolsas de gas consecuencia da descomposición da materia orgánica. Colcáronse unhas “chemineas” para serviren de escape do gas, mais os cheiros eran insoportables. “Hai pouco puxeron uns filtros de carbono que, segundo a Xunta reduciu un 86% a presenza de gases” di Mari.

LUME

A finais de maio de 2020 declarouse un incendio dentro dos terreos do vertedoiro. As causas do mesmo aínda non están aclaradas, mais as versións son dúas. A primeira é que a concentración de gases no interior do vertedoiro pode dar pé a que a acción de traballos sobre esas bolsas inicien lumes por faíscas. “Ao primeiro, os bombeiros (de Santiago) dixeron que oíran explosións, logo dicían que  non” declara Mari.

A outra teoría é que foran os mesmos membros da plataforma os que iniciaran os lumes. O alcalde de Compostela, Sánchez Bugallo, declaraba que “existen indicios racionais” de que o incendio fora “intencionado”. Maquinaria pesada comezou a operar sobre os refugallos para sufocar o lume, mentres que os bombeiros se retiraban da zona, segundo veciños do lugar.

Hoxe por hoxe a cuestión relativa a este vertedoiro está na Fiscalía de Medio Ambiente, que deberá aportar probas das irregularidades que se cometeron en Miramontes. Para iso, serían necesarias catas, ou extraccións dos solos do vertedoiro, “cousa que nin a empresa nin a Xunta queren facer” din desde a plataforma. O mesmo fiscal de Medio Ambiente, que hai pouco deixou o cargo para ir a Madrid, pedira unha cata independente.

O temor dos veciños agora é que, co paso do tempo, poda producirse unha catástrofe como en Zaldibar (Guipúscoa), cando se desprendeu parte dun vertedoiro deixando soterrados a dous traballadores. Ademais, nesa traxedia descubrírase que se estivera tratrando amianto, o mesmo que en Miramontes, mais non é depositado en celas independentes como marca a lei. “É que o vexo, van en bolsas rotas e eu sei que é a uralita, por que o vexo, e cando nos reunimos coa Xunta ou a empresa sempre preguntan, como sabedes que é uralita?, eu vexo que é uralita” di Mari.

Camión saíndo do vertedoiro
Camión saíndo do vertedoiro | Fonte: GC
Vista do vertedoiro e canteira de Miramontes/ GC Vista do vertedoiro e canteira de Miramontes/ GC
Vista do vertedoiro e canteira de Miramontes/ GC Vista do vertedoiro e canteira de Miramontes/ GC
Desaugue de lixiviados ao regato Aufín, a tubaxe vén desde o vertedoiro
Desaugue de lixiviados ao regato Aufín, a tubaxe vén desde o vertedoiro | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 miñoca

Perdón pero non entendo nada. Este vertedeiro contaminante debería estar pechado polo Concello de Santiago e/ou pola Consellería. O Sr. Bugallo a lo Mortadelo e Filemón di que existen indicios racionais ¿cáles? da intencionalidade do incendio. Puxo os citados indicios en coñecemento da Fiscalía de Medio Ambiente?, ou solo foi, como din os arxentinos pa "marcarse un poroto.". A Plataforma contra esta ignominia debe falar coa nova Fiscal de Medio Ambiente e pedir unha cita, facéndolle chegar toda a documentación, informes, analises, medicións de lixiviados e drenaxes ao Tambre e todos os que teñades