Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2020 | Actualizada ás 16:26
Galicia contará con dous plans de sustentabilidade turística no seu territorio, que terán financiamento do Estado, a Xunta e os concellos, e que promoverán accións de fomento destes destinos e de mellora da súa competitividade, así como de adaptación aos retos futuros.
Son, en concreto, os plans propostos por unha agrupación de municipios da Ribeira Sacra e pola cidade de Santiago, que foron seleccionados polo Goberno central dentro da súa convocatoria de plans de sustentabilidade a nivel estatal, en que se elixiron algo menos dunha trintena en toda España. Entre os dous, suman un investimento conxunto de cinco millóns de euros.
A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, comunicou esta selección durante a Conferencia Sectorial de Turismo, á que asistiron de forma virtual representantes das comunidades, entre eles o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.
Os programas de plans de sustentabilidade turística foron unha das medidas acordadas o pasado mes de xuño, na propia Conferencia Sectorial, para reactivar e dinamizar o sector.
Dentro desta iniciativa, a Xunta propuxo un total de catro plans para obter o cofinanciamento estatal: o de Santiago de Compostela e a Ribeira Sacra, que foron aprobados; un para Ourense Termal e outro para a Mariña Lucense, que non están entre os seleccionados polo Goberno.
Así mesmo, as propostas que presentou a Xunta foron as dos proxectos mellor puntuados dos 15 valorados por Turismo de Galicia, de acordo coa convocatoria desta liña de apoio aos destinos turísticos.
O programa de plans de sustentabilidade turística divídese en dous tipos: orientados a destinos pioneiros e destinos do medio rural ou do interior. O primeiro destes está dirixido a resolver os problemas que presentan os destinos maduros, caracterizados pola súa demanda turística con sobrecarga urbanística e ambiental, como o caso de Santiago de Compostela. No segundo caso, como o da Ribeira Sacra, van dirixidos a espazos con patrimonio cultural, zonas naturais protexidas ou zonas costeiras pouco desenvolvidas.
Rueda valorou a aprobación de ambos os proxectos. Por unha banda, o da capital galega, "pensando no Xacobeo" e en mellorar a xestión de fluxos turísticos da cidade, dous dos elementos que aparecen presentes no proxecto. Doutra banda, en relación á Ribeira Sacra, confiou en que "siga mellorando ese destino" para "conseguir esa ansiada proclamación como Patrimonio da Humanidade".
MEDIDAS DE APOIO AO SECTOR
Por outra banda, no marco da Conferencia Sectorial de Turismo, o vicepresidente primeiro lembrou aos representantes do Goberno central a necesidade de desenvolver novas medidas e manter as xa existentes para o apoio do sector turístico galego, que "é un dos principais motores económicos" da comunidade autónoma.
En concreto, entre as esixencias galegas, Rueda manifestou a necesidade de manter os expedientes de regulación de emprego temporal deste sector máis aló, "polo menos", da Semana Santa de 2021 e tomar esa decisión "canto antes" para evitar o peche de moitas empresas, "achegando tranquilidade" aos empresarios.
Ademais, o vicepresidente primeiro avogou pola redución do IVE turístico ao 4% de maneira temporal, "un estímulo clarísimo, que reclama todo o sector e que lles daría moito osíxeno".
Por último, o máximo responsable de Turismo da Xunta de Galicia solicitoulle ao Goberno Central que "intensifique" e "concrete" a súa implicación co proxecto do Xacobeo 2021, unha reclamación, dixo Rueda, apoiada por outras comunidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.