Falan os universitarios: “bótannos a culpa para tapar a pésima xestión da pandemia”

Sosteñen que as festas en pisos son unha minoría e “case todo o mundo” cumpre coas restricións, aínda que os medios “venden outra cousa”. Lamentan que os estean a culpar “sen datos”: “Somos o chibo expiatorio dunha mala xestión”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2020 | Actualizada ás 22:07

Comparte esta noticia

Pende a polémica sobre os universitarios. Cando por fin parecía que colexios e institutos pasaban a un segundo plano na actualidade, o debate de covid vén de salpicar a educación superior galega. A cuestión, neste caso, non está nas aulas senón no que se fai fóra delas: as festas en pisos universitarios.

Unha aula da UVigo con códigos QR. UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo
Unha aula da UVigo con códigos QR. UNIVERSIDADE DE VIGO - Arquivo

O tema que vén dominando portadas e telexornais foi lanzado polo comité clínico da Consellería de Sanidade. A pouco de comezar o ano lectivo, os expertos da Xunta sinalaron ó estudantado universitario como causante do incremento das cifras de contaxio, que están a acadar valores descoñecidos ata o momento. Santiago, cidade universitaria por excelencia, entrou en alerta vermella o luns 12 e, dende a medianoite do mércores, ten prohibidas as reunións de non conviventes. 

Non está tan claro, con todo, que a difícil situación da capital teña a súa orixe case exclusiva nas festas privadas, como veñen sinalando Xunta e Concello. A problemática estriba en que, ata o momento, non existen -ou non se publican- datos de contaxios desagregados por idade, co cal resulta imposible comprobar que porcentaxe de positivos representan os estudantes.

A natureza espiñenta do tema déixase ver nos choques acontecidos mesmo entre compañeiros de partido. O pasado luns Gonzalo Caballero lamentaba a “culpabilización” do estudantado apenas dúas horas despois de que Sánchez Bugallo vencellase a mala evolución dos datos ás festas. Da banda do PP, Román Rodríguez tendeu a man ós universitarios cualificando de “inxusto” que foran sinalados en conxunto. Catro días antes, Feijóo ameazaba con restrinxir as reunións -como finalmente fixo- “no caso de que nos pisos universitarios se sigan producindo este tipo de situacións”, en referencia ás festas.

BOTAR A CULPA “SEN DATOS”

Alén de tirapuxas e contradicións, as explicacións do comité clínico -replicadas pola prensa- veñen de prender os ánimos na comunidades universitaria, que se ve vítima dunha campaña de criminalización. “Feijóo bótalle a culpa ós estudantes para que non se vexa a súa pésima xestión”, resume Eva, estudante do último ano de Farmacia en Compostela.

Feijóo no pleno.. Xunta de Galicia
Feijóo no pleno.. Xunta de Galicia

“Hai unha criminalización do estudantado porque é fácil e axuda a vender xornais”, corrobora Pablo Calviño, a piques de rematar un dobre grao na Facultade de Ciencias da Comunicación. Calviño móstrase crítico con Xunta e Concello por “botarlle a culpa ós estudantes sen datos na man”. “Como pode dicir Feijóo que os estudantes son responsables do aumento dos casos se non ten datos? Sácao da chistera”, espeta.

CASOS “ANECDÓTICOS”

A indignación que se respira nos círculos universitarios vén dada porque, segundo destacan, as celebracións privadas están a ser un fenómeno máis ben residual. “Coñezo a xente que fai festa en pisos, pero son unha minoría”, sostén Eva, que engade: “a maioría está cumprindo as medidas hixiénico-sanitarias, pero os medios venden outra cousa".

O mesmo destaca Nerea Leiras, estudante de Deseño Industrial no campus de Ferrol da UDC. “Os amigos que quedan polo día tamén o fan pola noite, pero en xeral non hai mestura de grupos”. “No meu piso cada vez que facemos xuntanzas estamos  o 100% do tempo con máscara”, sostén Sara, estudante do Máster de Investigación en Educación na USC. “Polo xeral non se fan festas”, subliña.  

Este cumprimento maioritario, que destacan todas as fontes consultadas por GC, quedaría reflectido nos datos de contaxio ata agora dispoñibles. A Universidade de Santiago de Compostela publicou o mércores 14 unha relación dos positivos rexistrados na semana anterior: tan só 20. Paralelamente, os cribados da Xunta en residencias arroxaron un total de 16 casos activos, cando os últimos datos da Consellería cifran en 388 os casos na cidade. “Comprobouse que a incidencia era mínima logo de dicir que había un tremendo problema de covid”, valora Calviño.

Con todo, os estudantes consultados por GC non negan unha relación entre o inicio do curso e a suba de contaxios. “É evidente que se debe ó movemento de estudantes, pero non necesariamente polo tema das festas”, explica Elena Carrera. “Cárgase moito esta idea cando o simple feito de que todas esas persoas se muden a unha cidade vai facer que suba o número de contaxios”, resume.

RESTRICCIÓNS “SEN SENTIDO”

A idea desta “campaña” contra as festas, pois, sería botarlle a culpa ós estudantes para “non tomar medidas noutros ámbitos” e desligarse da responsabilidade política dunha xestión “pésima”, en palabras de Eva. O seu compañeiro de carreira, Miguel Pose, coincide: “Parece que se busca un chibo expiatorio para tapar a mala xestión da pandemia”.

Neste aspecto, o estudante de Farmacia ve “rechamante” que “todas as restriccións afecten ó tempo libre” mentres bares e restaurantes seguen abertos. “Na clase estou con 30 persoas. No bus vou cunha persoa descoñecida ao meu carón, a menos de 20 centímetros”, relata. Ante estas circunstancias, o mozo amósase claro: “paréceme que as restricións carecen de sentido”.

CRIBADO MASIVO

A fixación coas festas estudantís, replicada polos “medios afíns ós gobernos”, en palabras de Calviño, tería como obxectivo manter o delicado equilibrio do sector hosteleiro, segundo as fontes consultados. O propio Calviño pono claro: “os estudantes tamén se poden contaxiar na terraza dun bar, pero non é tan popular dicilo porque nese caso rebélanse os hostaleiros”.

En calquera caso, a tensión entre Xunta e estudantes podería chegar á súa fin cos datos do cribado recentemente anunciado pola Consellería de Sanidade. Estes tests, que segundo datos de La Voz chegarán a máis da metade dos universitarios composteláns, rematarán coa incerteza destacada por Calviño. “Pode que resulte que teñan razón e os estudantes sexamos uns bárbaros. Pero, ata entón, estannos acusando sen datos, e iso non é de rigor”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Ruio

Ta claro, son unas víctimas de la sociedad que les obliga a irse de botellón por los pisos, previo pago de entrada, e impidiendo dormir a los trabajadores que les pagan los estudios

1 Lumieira

Teñen razón. A xestión da Xunta é desatrosa. Galiza é a comunidade cos datos menos malos de España. No País Basco, con menos poboación teñen máis do dobre de casos. Aplausos para Urkullu,

1 Sim FakeJo

A densidade de poboación en Euskadi é superior. Ademais a poboación está moi concentrada na zona de Bilbao e San Sebastián. Tamén aquí a maior incidencia está nas zonas de maior densidade: Ourense (terceira cidade galega) e o corredor atlántico. Onde está a vida, o dinamismo e a maior parte da poboación. A xestión de Feijoo é mala, pero non tan mala como a de Ayuso, pero peor que a de Ximo Puig en Valencia por exemplo. A xestión é mala en casi toda Europa.