Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/11/2020 | Actualizada ás 10:00
"Vacinación obrigatoria: en España, 3.000 euros de multa para quen se negue a recibir a vacina". Con estas palabras titula o semanario francés Courrier International unha das máis polémicas medidas de Núñez Feijóo, a da vacinación "obrigatoria". A medida deuse a coñecer na tarde do xoves logo de que o grupo do PP rexistrara no Parlamento Galego a súa proposta para reformar a lei de saúde galega.
O obxectivo dos 'populares' é reformar esta norma, que data de 2008, para adaptala ás esixencias e dificultades dos tempos de pandemia. Con todo, a lei vén de xerar unha polémica que ameazan con cronificarse, tanto pola elevada contía das sancións -ata 60.000 por saltar un illamento- como polo feito de que prevé multas para aquelas persoas que se neguen a recibir a vacina.
O documento asinado polos 42 deputados populares, entre eles o presidente, contempla sancións de ata 3.000 euros para aquelas persoas que se neguen a ser sometidos ás probas ou a recibir a vacina que preparan diversos laboratorios. As críticas a esta medida, que saltou ás portadas da prensa estatal, céntranse no feito de que os trámites para este medicamento foron "acelerados", co cal, sosteñen, cabe a posibilidade que a súa fiabilidade non sexa total.
En calquera caso, a polémica de Núñez Feijóo xa é internacional, como proba a publicación por parte do Courrier International dunha peza que, segundo sinalan, é un calco doutra redactada previamente por 20Minutos. Na peza, o semanario francés destaca que o Estado español é unha das rexións europeas onde a lexislación sanitaria é "máis severa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.