Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2020 | Actualizada ás 11:51
Acumúlanselle as polémicas ao goberno da Xunta de Galicia no tocante á sanidade. A última tivo lugar esta semana na Comisión do Parlamento logo de que a bancada azul rexeitara dar unha servizo de TV gratuíta aos pacientes dos hospitais de Galicia. A proposta, formulada polo voceiro de Sanidade do PSdG, Julio Torrado, pretendía universalizar un servizo que nos centros hospitalarios galegos segue a ser de pago.
E non se trata dun desembolso simbólico. De acordo coas declaracións de Torrado na cámara galega, o prezo para acceder á TV ao longo dun día varía dos 3’5€ en Ourense a 5’5€ en Santiago, pasando polos 4’84€ do Álvaro Cunqueiro. Por se fora pouco, os pacientes destes centros –de acordo coas declaracións do socialista—teñen tamén que “pagar por ter wifi”.
A cuestión da TV foi motivo de polémica no Hórreo logo de que Torrada afirmara que “é o momento de rescindir o contrato” da empresa concesionaria deste servizo, que segundo fontes socialistas está a recoller, “grosso modo”, 3’5 millóns de euros ano por cobrar os bonos de televisión. Torrado criticou que o PP fale de “límite” de recursos os “cando orzamentan 700.000 euros para pagarlles aos sacerdotes que traballan nos hospitais públicos”.
HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO
O voceiro de Sanidade do PSdG aproveitou a ocasión para incidir na polémica do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, envolto nas críticas da oposición logo do anuncio da venda do 43% del. “Ben podemos facelo [rescindir a concesión] se somos quen de pagarlle 75 millóns de euros ao ano á empresa concesionaria dun hospital que resulta 450 millóns de euros máis caro”, espetou. “Deberíaselles caer a cara de vergoña por ter defendido que era público despois do que soubemos esta semana”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.