Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2021 | Actualizada ás 15:51
O PSdeG asegurou que o Goberno de Pedro Sánchez "está a traballar" para que a incorporación das rebaixas e bonificacións nas peaxes da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, se fagan realidade "no menor tempo posible de acordo aos prazos legais e necesarios".
Así o manifestou nun comunicado remitido aos medios o coordinador dos deputados do PSdeG no Congreso, GuillermoMeijón, quen puxo en valor a "rebaixa histórica" que se producirá a través dos "máis de 63 millóns de euros que incorporan os orzamentos xerais do Estado". "A pesar da irresponsabilidade do BNG e do PP de votar en contra dos orzamentos, o Goberno presidido por Pedro Sánchez cumprirá con Galicia na rebaixa das peaxes", sinala.
Guillermo Meijón explicou que lles "consta" que o Ministerio de Transportes está a traballar coa concesionaria nos prazos necesarios para facer efectivos eses descontos, despois de que o luns o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, informase de que requiriu ao ministro José Luís Ábalos que estes entrasen en vigor "canto antes".
Meijón argumentou que estas rebaixas son froito do compromiso do socialismo galego, que "asumiu resolver parte do agravio de Galicia coas peaxes da AP-9 en coordinación co goberno" e non do BNG, "a única forza progresista de toda España que votou en contra dos PGE". "Sen orzamentos, non habería rebaixa das peaxes, e o BNG quedou fóra de xogo ante unha medida histórica e necesaria para Galicia", sinala.
Precisamente, este mesmo martes, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, urxiu ao Goberno central a aplicar as rebaixas acordadas nas peaxes da autoestrada AP-9 para este ano, pois o Bloque ameaza con chamar á sociedade galega a "mobilizarse" se non se realizan eses descontos "canto antes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.