Por Europa Press / Redacción | Compostela | 27/01/2021 | Actualizada ás 17:54
Santiago de Compostela ocupa o oitavo posto na clasificación de cidades con tarifas de taxi máis caras, segundo un estudo realizado por Facua. Nesta comparativa de 56 cidades, Pontevedra ocupa a posición número 12 entre as máis cara; Ourense, o posto 15; Lugo, o posto 16; Vigo, o 19; e A Coruña, o 21.
Das 56, un pouco máis da metade (30) non modificaron as súas tarifas, entre elas, Santiago de Compostela, Pontevedra, Lugo e A Coruña. A subida media foi do 0,8%. En Ourense, o incremento foi de 1,8%, e en Vigo, dun 1,4%.
Tarragona, San Sebastián e Vitoria repetiron como as cidades españolas coas tarifas de taxi máis caras por terceiro ano consecutivo en 2020, segundo o estudo que Facua-Consumidores en Acción realizou comparando os prezos deste servizo nun total de 56 cidades españolas. As cidades máis baratas foron, unha vez máis, Las Palmas de Gran Canaria e Ceuta. Na Península Ibérica, Cádiz repetiu como a cidade na que as tarifas do taxi son máis reducidas.
O estudo compara sistemas tarifarios complexos e diferentes entre si. Así, San Sebastián, segunda cidade máis cara, tivo a terceira tarifa máis barata por quilómetro percorrido na tarifa diúrna (0,73 euros), por detrás de Cádiz (0,70 euros) e Ceuta (0,71 euros).
Barcelona, doutra banda, tivo o quilómetro percorrido máis caro, tanto na súa tarifa diúrna como a nocturna (1,18 e 1,41 euros respectivamente) e, con todo, foi a cidade coa tarifa por carreira mínima nocturna máis barata (2,2 euros).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.