Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2021 | Actualizada ás 14:00
Continúan as protestas do movemento ecoloxista galego contra a nova Lei da Paisaxe aprobada en solitario polo grupo no PP no Parlamento Galego. O novo marco legal, xa alcumado como "Lei de depredación industrial" por parte das plataformas verdes de Galicia, vén de recoller fortes críticas da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, que acusa á Xunta de Galicia de querer "minimizar a administración para deixar todo o poder ás empresas".
O obxectivo da presente Lei da Paisaxe, explican dende a plataforma, pasaría por "afondar na privatización da xestión dos recursos públicos", entre os que ADEGA contaría "o vento, a auga ou a biodiversidade". Esta acusación tería que ver coa "simplificación administrativa" que, en palabras da propia Xunta, carrexará a nova Lei; que, baixo a bandeira da "reactivación económica", podería afondar nesa "depredación" xa presente no territorio galego.
Así o defenden dende Adega, que ven na "urxencia" proclamaba pola Xunta á hora de "eliminar máis 'molestos trámites'" unha vontade de que "algunhas empresas poidan acaparar a chuvia de euros dos fondos europeos anti-COVID". "Ese perigoso percurso lexislativo iniciado en 2017 coa coñecida “Lei de Depredación” continúa e afóndase con esta norma, que converte definitivamente á administración pública nun portelo receptor de proxectos, cuxa avaliación favorábel está case garantida á marxe dos seus impactos ambientais e sociais", valora a histórica plataforma.
Esta obxectivo levaría aparellado, valoran dende a entidade ecoloxista, un ocultismo de cara á bancada pública, que podería ser resumido na máxima de que a sociedade "canto menos saiba, mellor". De aí, explican, a proposta do PP por "simultanear determinadas trámites que antes se desenvolvían correlativamente", xa que así a administración "reduce xa de por si a participación da cidadanía que agora disporá dun único periodo para facer achegas e non de varios".
FACER "IRRELEVANTE" Á ADMINISTRACIÓN
"A isto hai que engadir, explican, "a redución efectiva dos prazos de exposición pública o que dificulta aínda máis a axeitada análise da documentación técnica dos proxectos, máis abondosa pola condensación de trámites. Para determinados proxectos o periodo de infomación pública, xa condensado e reducido, fica ao abeiro da administración ou mesmo elimínase, como na modificación das instalacións enerxía eléctrica en determinadas condicións (que non soliciten a utilidade pública, por exemplo)"; unha circunstancia que ADEGA ve negativa para o futuro ecolóxico do país.
O obxectivo de toda esta lei, en fin, pasaría por "xibarizar a administración pública até facela irrelevante". "Redúcense tamén os prazos internos que os distintos departamentos das administracións teñen para facer as súas valoracións e emitr os seus informes", engaden dende a plataforma, que se posicionan a favor dun funcionamento máis áxil da administración pero a través dunha "mellora dos medios humanos e materiais cos que conta a administración", e non dunha redución dos propios trámites; xa que, segundo explican, o feito de "recortar prazos e axilizar procedementos faise en detrimento das garantías e da calidade que debe ter o traballo da administración pública, e en definitiva a costa dos intereses da cidadanía"
O temor de Adega a esta "privatización das funcións de avaliación, inspección e control dos organismos públicos" pasaría porque o novo baleiro administrativo supostamente impulsado pola administración Feijóo dera paso a unha "externalización" dos procesos ambientais. Así, explican, a viabilidade dun proxecto industrial podería quedar en mans dunha "Asociación de Empresarios, a Cámara Mineira ou Federación de Caza".
"É a situación ideal soñada polas enerxéticas, mineiras ou pasteiras: seren xuíz e parte (através por exemplo, das súas consultoras e certificadoras) na tramitación dos seus propios proxectos. Estas “entidades de colaboración ambiental” cobrarían ademais polos seus servizos, co que o beneficio para as empresas é completo: presentar un proxecto, avalialo, autorizalo e facer o seguemento, e por riba cobrando os trámites", explican a respecto dun novo marco legal que pode dar lugar a un "total descontrol eólico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.