(Vídeo) O presidente de Ence: "Podemos ter un susto medioambiental maiúsculo en calquera momento"

Ignacio de Colmeares alenta aos traballadores nun vídeo no que acusa ao Goberno central e ao PSOE de “querer pechar” Ence. Os socialistas pídenlle que "aclare inmediatamente o alcance desde perigo" e á Xunta "que tome cartas no asunto".

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 27/02/2021 | Actualizada ás 18:20

Comparte esta noticia

Toda a ría de Pontevedra e, en particular a cidade de Pontevedra, está en perigo coa factoría de Ence. O propio presidente desta empresa, Ignacio de Colmenares, recoñeceu que pode haber un “susto maiúsculo”. Unha advertencia que causou indiganción xa entre entidades sociais e partidos políticos de Pontevedra que acusan a papeleira de poñer en risco a vida de moita xente.

Podemos ter un susto maiúsculo medioambiental en calquera momento, que pode afectar, ademais, ás persoas”. Foi a frase literal de Colmenares nun vídeo que remitiu aos traballadores da factoría e no que era moi duro co Goberno central. Así, puxo como excusa a obsolescencia da maquinaria, que segue pendente de recibir os investimentos paralizados desde que en marzo de 2019 o Goberno aceptou o recurso presentado contra a prórroga da concesión polo Concello e a APDR.

O vídeo remitido polo presidente de Ence coincide coa decisión do Ministerio de Transición Ecolóxica de non cambiar o artigo 18.4 da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética, o que afecta a continuidade da empresa  na ría. “Se non o fai procederemos ao peche inminente da fábrica en Pontevedra”, ameazou Colmenares que apunta a Brasil ou Portugal como futuro emprazamento dunha nova fábrica, “pero non en Galicia”.

Imaxe da papeira de Ence na Ría de Pontevedra
Imaxe da papeira de Ence na Ría de Pontevedra | Fonte: ndignatepontevedra.wordpress.com

INVESTIMENTOS PARALIZADOS A POSTA

Pola súa banda, a APDR critica que Ence e o PP “son os únicos responsábeis” da situación actual na fábrica de Lourizán o que levou á empresa a non realizar inversións que afectan á seguridade dos seus traballadores.

Desde a APDR din defender a creación de emprego de calidade, de postos de traballo pero “que non entren en contradición coa calidade de vida, coa defensa do medio e os recursos naturais e cun modelo económico sustentábel no tempo”.
O propio Colmenares recoñeceu que a empresa pode investir 200 millóns até 2023 na factoría de Pontevedra “para reducir custos, reducir a eficiencia de todos os procesos térmicos e mellorar a sostenibilidad de Pontevedra, que quere dicir mellorar o comportamento ambiental e a fiabilidade para non ter sustos”.

Uns investimentos que, curiosamente, é reacio a realizar e que paralizou en 2019 tras a violación ante a Audiencia Nacional na súa decisión sobre a prórroga aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy en xaneiro de 2016. “Entón tiñamos en marcha 50 millóns do noso plan de investimentos e executámolos porque non somos uns piratas. Fáltannos os 200 millóns seguintes”, dixo.

“Se nos obrigan a pechar en 2033, temos unha responsabilidade como administradores da compañía. Se non nos deixan horizonte suficiente para investir o que hai que investir e que estamos dispostos a investir, pois nos veremos obrigados a pechar a fábrica de forma ordenada pero rápida”, ameazou.

CONTRA O PSOE

E foi máis alá ao apuntar directamente ao Goberno central e o PSOE. “O Ministerio quere pechar Ence e o PSOE en Galicia tamén, que non vos enganen”, dixo. “Cando di o Goberno, ou o delegado do Goberno en Galicia, que non vai a pechar Ence, eu digo que este artigo é o final de Ence en Pontevedra. Como este artigo salga así, obríganos a pechar de forma inminente”, engadiu

Unhas declaracións incendiarias enviadas aos traballadores para mobilizalos en contra desta decisión e que chegan horas despois de que estes queiran abrir unha mesa de negociación sobre o futuro da factoría en Pontevedra e que coincide tamén co anuncio da Xunta dunha moratoria para o eucalipto en Galicia, aínda que só en novas plantacións, non nas que xa están.

CRÍTICAS DO PSdG

Pola súa banda, e tras facerse público este vídeo, o tenente de alcalde e voceiro do Grupo Municipal do PSOE en Pontevedra, Tino Fernández, amosou hoxe a súa “inmensa preocupación ante as declaracións efectuadas por Colmenares nas que admite que “pode provocar un susto medioambiental maiúsculo en calquera momento”. “Non sabemos o que está a acontecer dentro desa factoría, pero hai que esixirlle á empresa que aclare inmediatamente o alcance desde perigo e á administración competente, que é a Xunta de Galicia, que tome cartas no asunto e abra un expediente inmediato para investigar e coñecer o alcance da situación de perigo que relata o máximo responsable de Ence”, dixo.

O tenente de alcalde de Pontevedra tamén deu a benvida “á realidade, á sensatez e ao sentido común” aos membros do comité de empresa de Ence por apostar, agora, por unha mesa de negociación e diálogo que, lembrou, “foi proposta xa hai dous anos polo Partido Socialista e aceptada polo Goberno do Estado”.  “Nese camiño, os traballadores van atopar ao PSOE e ao Goberno de España. Aí estaremos para sentarnos a dialogar sobre o futuro da empresa, pero cómpre non perder máis tempo de facelo canto antes”, engadiu.

Finalmente,  Tino Fernández lembrou que Ence está disposta a investir 250 millóns de euros e non pode dicir que non hai cartos para facer unha factoría nova. “Ese discurso é falso e está esgotado”, apuntou. Por iso, instou á empresa a deixarse de “cortinas de fume e de buscar argumentos para non falar dun traslado” e a “garantir os postos de traballo e garantir un futuro para Ence na nosa comarca, pero fóra da ría de Pontevedra”.

POSTURA DA APDR

Pola súa banda, a APDR critica que Ence e o PP “son os únicos responsábeis” da situación actual na fábrica de Lourizán o que levou á empresa a non realizar inversións que afectan á seguridade dos seus traballadores.

Desde a APDR din defender a creación de emprego de calidade, de postos de traballo pero “que non entren en contradición coa calidade de vida, coa defensa do medio e os recursos naturais e cun modelo económico sustentábel no tempo”.

RECTIFICACIÓN

Posteriormente, e tras a filtración do vídeo, a empresa remitiu un comunicado no que insiste en que a modificación da actual redacción do citado artigo 18.4 “eliminaría as dúbidas sobre a retroactividade desta norma” e “facilitaría enormemente a situación e o futuro desta planta” e do seu emprego.

Tamén indicou que a empresa xa investiu 132 millóns de euros nesta biofábrica desde que se outorgou a prórroga da concesión, en 2016, e que mantivo contacto institucional co Goberno. Por iso, insiste, quere “reafirmar a súa vontade de solucionar esta cuestión seguindo esa mesma liña de diálogo, mantida até agora, até alcanzar un acordo”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta