Por Xurxo Salgado | Santiago de Compostela | 30/03/2021 | Actualizada ás 22:00
José Manuel Miñones, ex alcalde de Ames é xa o novo delegado do Goberno en Galicia. Un nomeamento no que tivo moito que ver o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e que colleu por sorpresa a moitos dirixentes do PSdeG, incluído o propio Gonzalo Caballero.
E o certo é que a designación de Miñones chega nun momento no que o papel do líder socialista está moi cuestionado, tanto interna como externamente, e con boa parte do partido en Galicia conspirando abertamente contra el. Por iso, o gran poder que terá agora Miñones e a plataforma pública que supón para el ostentar un cargo tan importante como a Delegación do Goberno fixo saltar as dúbidas e as suspicacias na familia socialista. É Miñones o chamado a batallar con Gonzalo Caballero pola Secretaría Xeral do PSdeG no congreso de finais de ano?
Fontes consultadas por Galicia Confidencial coinciden en que non o ven nese papel de confrontación directa con Caballero, senon nun papel "mais intermedio". "O merlo branco será outro", apuntan. Hai quen ve ao propio Valentín González, o actual presidente da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, como esa "carta oculta", aínda que outras fontes descartan esa posibilidade.
CRÍTICO CON GONZALO CABALLERO
Con todo, a ninguén no PSdeG se lle escapa que Miñones é un fiel aliado de Valentín González e crítico coa xestión de Caballero. De feito, e aínda que forma parte da executiva galega do PSdeG, desde as pasadas eleccións autonómicas --nas que os socialistas se situaron como terceira forza por detrás do Bloque-- foi unha das voces que se mostraron máis críticas cos resultados obtidos. A partir de entón a súa presencia nas executivas foi decaendo alegando sempre, curiosamente, que lle coincidían con plenos no Concello de Ames.
"Se Gonzalo o escolleu na súa Executiva é que xa lle vía potencial como posible rival", destaca un veterano militante. O que non contaba Caballero é que Miñones teña máis vía directa con Ferraz e Moncloa da que ten el como secretario xeral. E o certo é que a escalada do ex rexedor de Ames no partido é fulminante desde hai uns meses. Xa o pasado 15 de marzo o rexedor de Ames foi designado como único relator galego no Congreso Federal que o Partido Socialista celebrará o próximo 17 de outubro en Valencia, cita na que se encargará das áreas de Municipalismo e Medio Rural.
Quince días despois, Madrid volve confiar nel nun posto tan importante como a Delegación do Goberno. Unha designación que xa se interpreta en claves interna. "Ferraz xa lle deu dous toques grandes á dirección do partido en Galicia; primeiro a presencia de Miñones como relator e agora o da Delegación do Goberno... Está claro que non contan con Gonzalo", apuntan fontes consultadas. "Agora o que haberá que facer é buscar unha solución pactada ao futuro de Gonzalo", engaden.
Con todo, dirixentes próximos ao líder socialista aseguran que a súa intención segue sendo a mesma; presentarse á reelección. "Veña de arriba ou de abaixo o certo é que todos temos que someternos a unhas primarias e serán os militantes os que fagan a escolla", din apuntando que, polo momento, a intención de Caballero é a de batallar para continuar liderando o PSdeG.
A pesar de tensión aparente, tanto Caballero como Miñones quixeron este martes lanzar unha mensaxe de unidade tras unha comparecencia conxunta dos dous logo da toma de posesión do cargo do segundo.
E QUE OPINAN OS PESOS PESADOS?
O nomeamento de Miñones semellou non coller por sorpresa aos grandes dirixentes do PSdeG. A maioría deles destacaron o perfil do xa es rexedor de Ames e, sobre todo, a súa experiencia na administración local. Semella que as principais familias socialistas apoian este nomeamento, entre elas, as da Coruña, Vigo e Lugo.
Así, o alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, mandoulle os seus "mellores desexos" e destacou que Miñones "vén cunha boa traxectoria, porque vén de ser alcalde". Neste sentido, remarcou que "lle gusta moito cando no currículo da xente da política" se inclúa unha etapa como alcalde ou concelleiro, porque a actividade política local é "da maior relevancia".
Unhas declaracións que algúns interpretan como un aviso a navegantes xa que Gonzalo Caballero non ten experiencia ningunha en xestión política. Con todo, e cuestionado acerca de se cre que este paso pode supor que Miñones teña maior relevancia no PSdeG, Caballero rexeitou entrar a valorar "temas de partido". "Xa é un cargo moi relevante, un cargo institucional e por tanto a miña felicitación; non vou facer ningunha valoración que non sexa desexarlle o mellor", apuntou.
Tamén o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, insistiu en que agora "non toca" falar do futuro do PSdeG. Na súa opinión, os cambios no seo do partido veranse "cando sexa a etapa dos congresos". "Aínda estamos lonxe do que sería o proceso da xente que se queira propor para optar a distintos cargos orgánicos do partido e, cando toque, falaremos diso. Só toca desexarlle o mellor á fronte da delegación do Goberno en Galicia", resolveu.
Outros dirixentes, como o alcalde de Santiago, foron máis lonxe e consideran, que con este nomeamento, Ferraz marca o camiño do PSdeG. Así, asegurou que Pedro Sánchez fai unha "aposta de futuro" con este nomeamento. "Miñones é unha das persoas que dentro do PSOE está chamada a ter maior proxección e o feito de que desde o Goberno de España se conte con el para un posto desa responsabilidade, que supón unha plataforma desas características, paréceme realmente importante", indicou en declaracións á Cadea Ser recollidas por Europa Press.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.