Galicia estrea a baixada da velocidade a 30 km/h en zonas urbanas co foco posto en reducir a mortalidade

Santiago implanta a zona a 20 km/h no campus universitario e exponse levalo a áreas escolares.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2021 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

Galicia, como o resto do Estado, estrea este martes os novos límites de velocidade en zonas urbanas, que se reducen con carácter xeral a un máximo de 30 quilómetros por hora que, mesmo, poden ser rebaixados en determinadas polos concellos a 20 quilómetros por hora.

Ese é o caso do campus universitario de Santiago de Compostela, onde a partir deste martes os vehículos non poderán circular a máis de 20 quilómetros hora. Precisamente ese foi o lugar elixido para presentar estes cambios nas velocidades, que nacen co obxectivo de reducir a sinistralidade e a mortalidade nas zonas urbanas.

E é que, segundo explicou a xefa provincial da DGT na provincia da Coruña, Vitoria Gómez Dobarro, entre o 60 e o 65 por cento dos falecidos en zonas urbanas ao longo dos últimos anos foron por atropelos, uns sinistros nos que a velocidade é un factor crave nas consecuencias para a vítima.

Así, os estudos da Dirección Xeral de Tráfico apuntan a que a probabilidade de que un atropelo teña como resultado a morte do peón en impactos a 50 quilómetros por hora sitúase no 90 por cento, mentres que en velocidades por baixo dos 30 quilómetros por hora, a posibilidade descende ao 10 por cento.

"Esta é unha razón máis que suficiente para implantar estas limitacións", incidiu Gómez Dobarro, acompañada en Santiago pola subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños.

O edil compostelán lembrou que ao longo dos últimos anos os gobernos municipais da capital galega se implanaron distintas medidas para reducir a velocidade de circulación nas rúas da zona urbana de Santiago, que desde o ano 2014 non rexistra falecidos por atropelo nos límites da cidade.

A última destas accións, que entra en funcionamento xunto cos novos límites de circulación instaurados pola DGT en consonancia coas demandas da Federación Española de Municipios e Provincias, é a redución a 20 km/h da velocidade máxima no Campus Vida, unha zona "de paseo, con moitos estudantes, gardarías e instalacións", segundo explicou Muíños, quen engadiu que levar esta limitación a zonas escolares atópase tamén en fase de estudo.

Neste sentido, o concelleiro sinalou que o obxectivo é manter a cidade sen accidentes mortais por atropelos e que, para iso, ponse sobre a mesa medidas como a instalación de pasos elevados ou os "radares educativos" que, segundo Muíños, "dan bo resultado" e que, en defenitiva, perseguen que os veciños que usan o coche fágano a menor velocidade.

MULTA

"Non só hai que concienciar, hai que convencer", resume a responsable da DgT na Coruña, que puxo énfase en que, ademais das medidas punitivas (desde 100 euros de multa a 600 euros e seis puntos do carné), tamén é preciso que os concellos desenvolvan un "labor pedagóxico" entre os seus veciños para fomentar espazos máis seguros para os usuarios vulnerables, como peóns ou ciclistas.

"Está constatado con estudos técnicos que (baixar a velocidade) diminúe as vítimas mortais", remarcou a subdelegada do Goberno na provincia coruñesa, que lembrou que o novo código de velocidades xorde dunha petición da FEMP para baixar os límites en zonas urbanas.

O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e  a xefa provincial da DXT na Coruña, Vitoria Gómez Dobarro; en Santiago
O concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e a xefa provincial da DXT na Coruña, Vitoria Gómez Dobarro; en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Polo campus, e a vinte por hora, non vai nin a liña 15!