Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2021 | Actualizada ás 16:00
Varios centos de persoas marcharon este domingo polas rúas da Coruña baixo o lema 'A Coruña non se vende' para reclamar ao Estado a condonación da débeda da Autoridade Portuaria "como ocorreu en Valencia", así como para rexeitar unha eventual venda de terreos do peirao para afrontar esta situación financeira. A protesta, finalizada na Praza de María Pita, estivo convocada por máis de 70 entidades capitaneadas pola plataforma En Defensa do Común, pero tamén contou co apoio de organizacións políticas como o BNG, a Marea Atlántica, a coalición Galicia en Común-Unidas Podemos.
O portavoz de Defensa do Común, Ricardo Vales, destacou a participación dos coruñeses nesta mobilización "tendo en conta os tempos que corren" en relación á pandemia da covid-19. De feito, asegurou que é "a manifestación máis numerosa que houbo" na cidade "despois da dos sindicatos o 1 de maio". Para a plataforma convocante, este evento foi "un estímulo para seguir traballando polo obxectivo de sempre: que se condone a débeda do porto --uns 200 millóns de euros-- e que nos dean o mesmo trato que a Valencia" cando acumulaba un déficit de máis de 300 millóns.
Ademais, Francisco Vales alerta ante o risco de que as administracións --Estado, Xunta e Concello-- opten por vender os terreos do peirao de San Diego e o petroleiro "para construír 4.000 vivendas e así sanear as contas" tras a habilitación do porto exterior, en Punta Langosteira. "Sería a primeira vez, desde 1850, que se acometa unha venda de terreos portuarios. Antes, cando había un problema, o que se facía era unha concesión administrativa", explica o portavoz de Defensa do Común.
Así as cousas, a plataforma e os centos de manifestantes que acudiron desde diferentes partes de Galicia lanzaron proclamas a favor de "que se condone a débeda, que todos os terreos sexan de titularidade pública e que neles se poidan compatibilizar" os usos propios da actividade portuaria con espazos "para os cidadáns".
O BNG CENSURA A "ESCPECULACIÓN"
Esta multitudinaria mobilización contou co apoio de varias formacións políticas. Por parte do BNG, acudiu a súa portavoz nacional, Ana Pontón, ademais do concelleiro Francisco Jorquera e do deputado no Congreso Néstor Rego. Pontón, en declaracións aos medios, destacou o valor "inmenso" desta protesta que busca evitar que A Coruña "sexa discriminada" con respecto a Valencia.
Así, criticou que esta situación financeira estea xerada por "unha decisión estatal", como foi levar parte da actividade económica a Punta Langosteira, e que agora se busque reverter cunha "especulación que está a promover o Partido Popular", que pensa "na conta de resultados dalgún especulador" e non "no futuro" da cidade. "O señor Feijóo converteuse nunha especie de axente especulador. Queren que paguemos con diñeiro público uns terreos que xa son públicos. É un auténtico disparate", lamentou Pontón.
E é que, para o BNG, os terreos interiores do peirao son "unha gran oportunidade" para acometer "a gran transformación pendente" da Coruña, o que permitirá "mellorar a mobilidadde, gañar espazos verdes e ser un referente de innovación". Ana Pontón tamén cargou contra o PSOE por "renunciar" a esa condonación da débeda votando "en contra" nas Cortes. "Con escusas de mal pagador dise que non se pode, pero o que non hai é vontade política. Alguén nos ten que dicir por que en Valencia si e na Coruña non".
Pola súa banda, o portavoz municipal do Bloque, Francisco Jorquera, apuntou tamén á alcaldesa, a socialista Inés Rey: "Dicir que é un logro que se modifiquen os prazos de amortización da débeda é total e absolutamente falso. O logro é que o porto da Coruña teña o mesmo trato que o de Valencia".
GALICIA EN COMÚN: TERREOS PÚBLICOS "SI Ou SI"
Tamén acudiu á protesta o deputado de Galicia en Común no Congreso Antón Gómez-Reino, quen valorou ante os medios que esta mobilización "expresa o sentimento maioritario" dos coruñeses. Para o tamén secretario xeral de Podemos Galicia, os peiraos interiores "si ou si" deben manter a súa titularidade pública como "unha oportunidade para pensar nunha nova mobilidade, para abrir zonas verdes para os barrios e, en definitiva, para uns usos produtivos que no porto xeran postos de traballo".
Por iso, Gómez-Reino apelou a "traballar en todos os ámbitos institucionais", tanto no Congreso como en "presionar os ministerios competentes". Precisamente, lembrou como "hai aproximadamente un mes" tivo unha reunión co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para trasladarse que "o fundamental é a titularidade pública do porto da Coruña".
Mentres tanto, a portavoz municipal de Marea Atlántica, María García, suxeriu empregar os terreos "para mellorar os barrios" e as súas "necesidades". Así mesmo, criticou que esta cuestión se debata "a porta pechada": "Nin sequera se comparte co resto da Corporación cales son as propostas do Concello". Así, García denunciou que a alcaldesa "vai por libre" no seu diálogo con Portos do Estado e a Xunta, que chegan á cidade "a facer caixa", en lugar de "traballar en consensos e acordos" como si fixo --afirmou-- o anterior rexedor, Xulio Ferreiro (Marea Atlántica).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.