Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2022 | Actualizada ás 17:13
A Xunta estableceu servizos mínimos do 100% nas áreas de urxencias, UCI e Unidades de Hospitalización Covid e do 70% nas zonas libres de covid para a folga dos traballadores da concesionaria de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense.
Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, a protesta implica ao servizo de limpeza dos centros que conforman o complexo hospitalario e desenvolverase de maneira indefinida a partir das 00,05 horas do 28 de febreiro.
A Xunta argumentou no DOG que "a suspensión da devandita actividade pode implicar niveis de contaminación que porían en risco a saúde tanto das persoas enfermas e usuarias como do profesionais" engadido ao "escenario de crise sanitaria internacional", polo que establece os servizos mínimos mencionados.
O comité de empresa convocou, por unanimidade, esta folga ante a negativa da compañía a cubrir as baixas de persoal e a negociar un novo convenio. Tras varias reunións, a última este venres, non se conseguiron avances, segundo os representantes dos traballadores.
Así mesmo, convocan manifestacións para os días 4, 8 e 10 de marzo, con percorrido nas inmediacións do CHUO. "Somos persoas, non robocops", denuncian os traballadores.
Censuran que a concesionaria "non cumpre cos coeficientes de persoal, faltando unha media de 15 traballadoras por cada xornada de traballo". Ademais, o comité apunta que o Sergas lles trasladou, nunha recente reunión, que sancionaría a Ferrovial por falta de persoal de limpeza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.