Día 5 de paro no transporte: algúns gandeiros galegos verten o leite que non recollen os camións

Burela, Celeiro e A Coruña, en situación "crítica" ao non poder mover o peixe. Caravana de camións en Vigo e corte total na A-6 no Corgo. Na Coruña, un piquete picou as rodas a 12 camións que estaban estacionados no municipio de Dumbría. Foron identificados e investigados varios participantes en piquetes nestes días. A Xunta pide corredores seguros para servizos esenciais e "diálogo" co sector. Pedro Sánchez chama a parar a "violencia" dunha "minoría de transportistas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/03/2022 | Actualizada ás 12:20

Comparte esta noticia

A folga do transporte ten no sector gandeiro un dos máis afectados e, aínda que a recollida do leite está a levarse a cabo aos poucos, é desigual e algúns produtores tiveron que verter o líquido pola falta de espazo nos tanques.

Un gandeiro verte o leite ao chan despois de que a industria láctea teña que parar a súa actividade pola folga no transporte
Un gandeiro verte o leite ao chan despois de que a industria láctea teña que parar a súa actividade pola folga no transporte | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Principalmente os problemas de recollida, segundo fontes do sector consultadas, producíronse coa empresa Lactalis, que enviou nas últimas horas un aviso de que se deixaba de acudir ás granxas ata novo aviso, aínda que na xornada deste venres comezaron a encher camións.

Con todo, as fontes do sector consultas indicaron que moitos gandeiros, ao non ter novas da empresa, xa baleiraran o produto previamente ante a necesidade de almacenar o ordeño da mañá, sobre todo, na zona de Lalín e Silleda, na provincia de Pontevedra. Tamén en granxas de Lugo verteuse leite de tanques pola falta de recollida.

Fontes da empresa Lactalis indicaron que a situación "segue sendo moi grave en Galicia" e xustifica que os transportistas "que queren traballar están a sufrir ameazas". "Seguimos facendo un esforzo cos recolledores, equipos de recollida e equipos de fábrica para tratar de restaurar o normal funcionamento da cadea", explicou.

Este venres, os camións de Lactalis retomaron a recollida, pero seguen "sen garantir" o funcionamento habitual das fábricas, "porque continúan os problemas coas cisternas e camións de materiais para o envasado e saída de produto a clientes". "A situación é moi inestable", advertiron.

IMPACTO NO SECTOR PESQUEIRO

Os portos de Burela, Celeiro e A Coruña avisan de que a situación é "crítica" e piden medidas "urxentes" para paliar unha situación que xa era complicada e que agravou o paro de transportistas, que lles impide mover o peixe, unha mercadoría que "se vai a ter que destruír".

O presidente da lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, recoñeceu que a situación continúa sendo este venres "moi complicada". "Non se adopta ningunha solución; pedimos ao Goberno central que se dialogue e chegar a un consenso que nos permita seguir operando, porque a situación é crítica", asegurou.

Explica que levan unha semana sen poder mover o peixe aos mercados centrais. "Os barcos están a chegar a porto e non podemos mover o peixe. Necesitamos solucións xa porque as perdas son enormes", insistiu.

"Imos ter que destruír peixe, non aguanta máis nas cámaras. Son produtos perecedoiros que teñen un período de caducidade. Xa estamos en xestións con empresas de tratamento de residuos de orixe animal para que llo leven porque nos pode crear aquí unha alerta sanitaria", informou Corrás.

Os portos lucenses de Burela e de Celeiro, no concello de Viveiro, atópanse nunha situación similar. Acumulan máis de cen toneladas de peixe nos seus almacéns, que se poderían perder.

O presidente da Federación Nacional de Confrarías e presidente do depósito de Burela, Basilio Otero, puntualizou que esta mercadoría "ou hai que tirala ou hai que mal vendela", como ocorreu no porto de Celeiro onde o quilo de peixe comercializouse a un euro.

O patrón lucense confesou que a "situación xa non é complicada, senón que é dramática", algo que non vincula só coa alza do gasóleo, senón coa folga do transporte que "non está a machucar".

Tanto é así que certificou que a xente do sector "o que pide é que con urxencia se resolva o tema do transporte porque por moito que queiramos facer os demais non podemos facer nada ante este paro".

Seguidamente estimou en "máis de cen toneladas de peixe" as que se almacenan en Burela e Celeiro, que non para aí porque "hai barcos que van seguir vindo a porto".

CORTE DE ESTRADAS

O quinto día de paro no sector dos transportes iniciouse cun corte total na A-6 á altura do Corgo, onde a circulación permanecía interrompida en ambos os sentidos desde as 11,00 horas deste venres. A xornada botou a andar sen incidencias de consideración á primeira hora da mañá, máis aló dunha caravana de camións que dificultou o acceso á cidade de Vigo pola autovía A-55.

Tampouco se produciron cortes na entrada a Galicia pola A-6, un dos puntos quentes das protestas durante o cuarto día das protestas. A situación cambiou a partir das 11,00 horas cando, segundo confirmaron fontes da Dirección Xeral de Tráfico consultadas por Europa Press, un piquete de transportistas interrompeu a circulación en ambos os sentidos da A-6 ao seu paso polo municipio do Corgo. Esta zona da Autovía do Noroeste xa foi lugar de cortes durante a xornada do xoves.

CARAVANA EN VIGO

En Vigo, unha carvana dificultou a circulación na entrada da cidade pola A-55. Uns cen camións desfilaron polo carril dereito a partir das 10,00 horas da mañá desde Tui en dirección á Praza de España da urbe olívica.

Fontes da Subdelegación do Goberno apuntan que a mobilización se saldou sen incidentes. Durante a madrugada producíronse piquetes na zona do porto de Vigo, un dos puntos controlados por Policía e Garda, que colaboran no seu operativo despregado para evitar incidencias polos paros. En Lugo, axentes da Garda Civil escoltan durante a mañá deste venres a transportistas que entran en Galicia desde Asturias pola A-8; mentres que na provincia da Coruña, un piquete picou as rodas a 12 camións que estaban estacionados no municipio de Dumbría.

INVESTIGACIÓN DE PARTICIPANTES EN PIQUETES

Varias persoas que participaban en piquetes dos paros convocados no transporte foron identificadas e permanecen investigadas como autores de delitos de danos, coaccións e ameazas. En concreto, son dúas persoas por delitos de coaccións e condución temeraria cometidas supostamente no municipio de Palas de Rei, en Lugo; e outro participante dun piquete no Porriño como presunto autor de delitos de danos, coaccións e ameazas na provincia de Pontevedra. Ademais, fontes da Subdelegación do Goberno en Lugo informaron da identificación doutro individuo en Lalín que supostamente ameazou cunha navalla un dos transportistas.

Na liña do expresado nos últimos días, Miñones volveu a insistir este venres en que "non hai unha convocatoria oficial de paro nin de folga" e que, por tanto, "non existen" servizos mínimos. O representante do Executivo central en Galicia insiste en que unha "plataforma minoritaria" está a actuar "con coacción" e "producindo medo nas empresas e nos transportistas que si queren traballar e que son a maioría", recalcou.

"Imos ser máis contundentes", explicou o delegado, en alusión a permitir que os vehículos cheguen ás granxas para poder recoller o leite e que se poida seguir coa distribución.  O delegado indicou que están "en todos os puntos de Galicia" en contacto directo con todas as empresas, coas lonxas e con cada un dos sectores. Incide na coordinación entre os corpos e forzas de seguridade do estado para garantir a saída de todos os produtos, "sexa leite, peixe, gandaría" e garantir que o servizo "se normalice".

XUNTA

A conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Ethel Vázquez, demandou ao Goberno que habilite "corredores seguros" para garantir a subministración de servizos esenciais ante os paros no transporte de mercadorías.

A responsable da área de mobilidade do Goberno galego, acompañada polos conselleiros de Mar, Rosa Quintana, e Medio Rural, José González, mantivo un encontro no mediodía deste venres con representantes do sector do transporte de mercadorías, que demanda solucións ao Goberno central ante o encarecemento dos custos que os fai "traballar a perdas".

Así o subliñou o vicepresidente da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada, Fernando Mujico, quen esixiu "diálogo" ao Executivo central para atallar un asunto que mantén "extramadamente preocupado" á Administración galega.

Ethel Vázquez incidiu en que existen "un problema importante" na distribución de materiais sanitarios polos paros, que ten "en xaque" ao sector primario e pon en risco "o benestar animal" pola falta de subministracións ás granxas. Ademais, tamén advertiu das consecuencias sobre a saúde pública que provoca o impacto dos paros sobre as retiradas de lodos e residuos das depuradoras de augas.

Por todo iso, a Xunta considera nacesario que o Goberno habilite "corredores seguros" para a prestación de servizos esenciais en aras de evitar "actos vandálicos" contra os camioneiros que manteñen a súa actividade.

PEDRO SÁNCHEZ

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, apelou aos transportistas autónomos que secundaron o paro convocado por unha asociación empresarial do sector, aos que se referiu como "minoría" e pediulles "responsabilidade" para parar a "violencia" que considera que están a exercer nas estradas. Así o manifestou en declaracións desde Roma.

"Nós levamos desde o ano pasado nun diálogo constante, case diario, coas asociacións do sector, un diálogo que está aberto e, grazas iso, logramos un acordo en decembro cando se expuña polo sector un paro que finalmente non levou a cabo como consecuencia dun acordo importante", sinalou.

Nese acordo, acordado coas principais organizacións empresariais do sector, prohibiuse que a carga e descarga a fagan os camioneiros ou que se aplique unha cláusula de revisión de prezos, o que inclúe o prezo dos hidrocarburos.

Por iso, ante este paro convocado por unha organización minoritaria, á que non se sumaron as grandes patronais, Sánchez pide "empatía" e que non se "caia nunha dinámica de violencia contra a convivencia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta