Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/03/2022 | Actualizada ás 18:49
O 30 de maio de 2017 tivo lugar o desaloxo do Centro Social Escarnio e Maldizer de Santiago de Compostela. A manifestación en contra desa expulsión saldouse coa detención do activista Chema Naia, que este 1 de marzo pasou polos Xulgados do Penal de Fontiñas, na capital galega, acusado de presultos delitos de atentado contra a autoridade e lesións.
Segundo vén de informar o colectivo 'Chema Absolución', piden para Naia unha pena de dous anos de prisión por un delito de atentado contra a autoridade e dous meses por un delito de lesións.
Dende o colectivo de apoio ao mozo, entenden isto como "parte dunha dinámica xeral de aumento progresivo da represión dentro do Estado español nun momento de crise social e económica". Por iso, din, "esta sentenza, por máis de falaz, desmesurada e furibunda, non nos resulta tampouco sorprendente".
Para eles, proseguen, "esta sentenza vén amosar novamente o carácter selectivo e calculado da represión xudicial á actividade política, afastado de calquera imparcialidade e procura da verdade". Anuncian, ademais, que entran nun período de recursos onde solicitarán a suspensión da pena, "ao tempo que seguiremos aportando máis argumentos xurídicos para rebaixar a condena". "Que Chema sexa absolto é de xustiza", sentenzan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.