Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2022 | Actualizada ás 14:22
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que o seu Goberno traballa no deseño de "alternativas" ao viaduto da A-6 derrubado e que será trasladada nunha reunión o vindeiro xoves con responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, á que está convocada a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
Na rolda de prensa posterior ao Consello deste xoves, Rueda desvelou que esta mesma mañá falou coa secretaria de Estado de Transportes, Isabel Pardo de Vera, quen lle trasladou "que ía ser a encargada de coordinar as actuacións" relacionadas con esta ponte que caeu o pasado 7 de xuño. De feito, o xefe do Executivo galego confirmou que quere evitar as "liortas políticas", "falar" e que sexan escoitadas as propostas da Xunta.
"Agradecinlle esta vontade de informar pero tamén lle insistín en que hai que ser moi áxiles en todo este asunto", insistiu, porque para os transportistas, que agora ven obrigados a transcorrer pola N-VI e atravesar o núcleo de Pedrafita do Cebreiro, "a situación está a volverse aínda máis complicada".
Neste contexto, o mandatario galego avanzou que lle remitiría unha proposta para achegar solucións "canto antes" á conexión entre as provincias de Lugo e León. Son solucións que "poden ser executadas nun prazo de tempo breve e nun custo moi asumible". Unha proposta que non detallou, aínda que suliñou que se tratan de tres trazados alternativos ao actual polo centro de Pedrafita.
"O máis curto e viable é un desvío curto que evitaría o centro da localidade e aproveitaría os túneles que hai xusto despois do derrube", dixo. Estas alternativas foron deseñadas por técnicos do propio Goberno galego. Sobre o futuro do viaduto dixo aínda non saber que vai pasar, aínda que deu a entender que será derrubado.
AXUDAS
Rueda tamén destacou os inconvenientes que a caída deste tramo ten para os transportistas e considerou necesario que reciban compensacións económicas polas perdas que lle poden ocasionar.
INVESTIGACIÓN
O presidente galego non se quixo pronunciar sobre o informe realizado en 2003 e publicado na Revista de Obras Públicas que alertaba que nalgún dos tramos construídos entón, en concreto o que colapsou, optouse por “llevar al límite las posibilidades de prefabricación, obteniendo estruturas muy esbeltas, con un importante ahorro de material y una gran calidad final”. "Non o coñezo", dixo.
Por iso, e preguntado se a Xunta ou o PP van pedir unha comisión de investigación sobre a caída desta ponte, evitou responder e suliñou que o Goberno central xa aprobara 25 millóns para unha obra de emerxencias antes do derrube. "Agora estaremos pendentes as causas e as consecuencias deste accidente", limitouse a comentar.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.