Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2022 | Actualizada ás 13:56
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou este sábado en Cervo que o Goberno central "pode e debe evitar" a posible subida das peaxes na AP-9, que podería roldar o 9% e que a responsable autonómica tachou de "histórica". Unha petición que se produce logo de que fora o Goberno de Rajoy quen decidira prorrogar ata 2048 a concesión a Audasa da autopista, unha decisión que a UE dixo que se fixo de forma irregular.
"Trátase dunha subida desproporcionada no peor momento económico posible e lamentamos que o Goberno non contemple ningunha medida para conxelar as peaxes nas estradas da súa titularidade nos Orzamentos Xerais do Estado. Se o Goberno non aplica ningunha medida en Galicia, veremos agravada a situación económica de moitas familias", aseverou.
Así, insta á Administración estatal a "tomar exemplo da Xunta de Galicia", que decidiu, remarca, conxelar as peaxes das estradas de titularidade autonómica para 2023.
"MOITAS DÚBIDAS" AÍNDA RESPECTO AO VIADUTO
Ethel Vázquez tamén opinou sobre os últimos datos coñecidos sobre o derrube do viaduto do Castro da A-6 en Lugo e criticou a xestión do Executivo estatal, que cualificou de "certamente mellorable".
"O que se nos trasladou o pasado martes desde o Ministerio de Transportes di, de forma resumida, que o viaduto estaba moi mal e que as obras para reparalo fixeron que caese, o que non parece lóxico. Faltan explicacións; son insuficientes", argumentou.
Para a conselleira hai aínda "moitas dúbidas" sen aclarar. "Fallou o diagnóstico, a inspección especial, o deseño das obras de emerxencia para reparalo?. Os cidadáns non podemos asumir que a caída dun viaduto é algo imprevisible", puntualizou sobre unhas obras que se fixeron durante o Goberno do PP en Madrid.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.