Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2022 | Actualizada ás 13:52
O BNG denunciou este venres que os informes encargados polo Goberno central sobre as causas do colapso no viaduto do Castro na A-6 encargáronse a dúas consultoras que "traballan de forma habitual coas construtoras implicadas". Así, indicou que solicitará unha comisión de investigación na Cámara baixa para "depurar as responsabilidades políticas".
O deputado do Bloque no Congreso Néstor Rego explicou nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela que o informe "é inaceptable e fraudulento", e que as conclusións "son pouco precisas".
Deste xeito, insistiu en que "é escandaloso" que as consultoras responsables dos informes, EMC2 e Idea Consulting , "traballen coas empresas construtoras", FCC e ACS. Ademais, aludiu a algunhas obras levadas a cabo por estas empresas de modo conxunto, como a ampliación do estadio madrileño Santiago Bernabéu.
Rego subliñou que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) "está a protexer ás empresas construtoras" e destacou en que o informe revela "defectos de construción" da infraestrutura e que "isto debería levar a que se depuren responsabilidades".
Nesta liña, sinalou que xa solicitaron que a ministra Raquel Sánchez Jiménez compareza para dar explicacións e que solicitarán unha comisión de investigación parlamentar para "depurar as responsabilidades políticas". Así, pedirán que se encargue un novo estudo "a empresas independentes, sen condicionantes nin presións".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.