A loita contra a inflación e o apoio ás familias, retos que marca o PPdeG para o novo período de sesións

Unha decena de deputados populares serán candidatos nas municipais, entre eles Candia (Lugo), Verea (Santiago) e Rey Varela (Ferrol).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

As medidas para loitar contra a inflación e dar apoio económico ás familias, así como a modernización do tecido produtivo de Galicia, serán as principais liñas coas que o PPdeG afrontará o novo período de sesións do Parlamento galego que arrinca este mes de xaneiro tras o parón do Nadal.

Na súa habitual rolda de prensa dos luns, o portavoz parlamentario dos populares, Pedro Puy, quixo desligar as eleccións municipais que se celebrarán o 28 de maio do traballo do grupo, aínda que non pasou por alto que haberá dez deputados que se lanzarán a por diferentes alcaldías nestes comicios.

Á parte da vicepresidenta primeira da Cámara, Elena Candia, que será candidata en Lugo, están José Manuel Rey Varela (Ferrol), Borja Verea (Santiago), Marta Nóvoa (San Cibrao das Viñas), Rubén Lorenzo (Carballo), Sandra Vázquez (Vilalba), Belén Cachafeiro (Forcarei), Fernando Pérez (Caldas de Reis), Belén Saído (Monfero) e Daniel Veiga (Ribadeo).

Máis aló desta cita coas urnas, o portavoz parlamentario do PPdeG puxo o foco en que as "prioridades" agora deben pasar por impulsar medidas económicas tanto a nivel estatal como desde a Xunta.

En primeiro lugar, mencionou a proposición non de lei (PNL) xa rexistrada polos populares para reclamar que a rebaixa do IVE impulsada polo Goberno de Pedro Sánchez tamén afecte aos produtos do mar.

Non en balde, Puy lembrou que é un tributo compartido, polo que "tamén afecta os ingresos de Galicia". Neste contexto, aínda que o celebrou, afeou que o Goberno acometese esta rebaixa "sen consultar ás comunidades autónomas nin ao Consello de Política Fiscal e Financeira".

Ademais, o portavoz do PPdeG volveu a reclamar ao Executivo de Sánchez unha deflactación do IRPF, "unha axuda fundamental" para que as familias con menos ingresos poidan enfrontarse á inflación e que é "máis equitativa" que a repartición de cheques de 200 euros "sen ningunha outra apreciación".

"MOI PREOCUPADOS"

De igual modo Pedro Puy mostrouse "preocupado" pola xestión dos fondos Next Generation e, máis concretamente, pola fábrica de fibras téxtiles que Altri planea para Palas de Rei e que "non hai un Perte onde se poida colgar" para acceder a estes apoios.

Así mesmo, os populares están "moi preocupados" porque se "exclúe a Galicia dos gasodutos de hidróxeno verde", cando precisamente a Comunidade vai facer "unha aposta pola produción deste combustible" cunha planta nas Pontes.

PROBLEMAS NA SANIDADE

Tamén se referiu o dirixente do PPdeG á sanidade, que "no conxunto de España" e, mesmo, en Europa, conta con problemas para contratar médicos.

Non en balde, destacou que a Xunta está a facer "todos os esforzos posibles" para solucionar a falta de especialistas. Entre esas medidas, mencionou as máis de 5.000 prazas convocadas a semana pasada polo Servizo Galego de Saúde.

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy
O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy | Fonte: PPdeG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta