Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/04/2023 | Actualizada ás 15:19
A exdiputada do PP na Asemblea de Madrid Teresa Gómez-Limón abriu este martes unha nova sesión do xuízo polo accidente do Alvia en Angrois, nunha comparecencia na que narrou as graves secuelas físicas e emocionais que lle deixou en sinistro, así como os momentos de confusión vividos tras o descarrilamento, que ocasionou 80 mortos e 140 feridos.
"De súpeto houbo un golpe e aquilo veu abaixo. Eu notaba que me afundía, e empezáronme a caer ferros e cousas. Despois, houbo un silencio absoluto, pesei que estaban todos mortos, cheguei a pensar que eu mesma estaba morta", dixo ante o tribunal, presidido pola maxistrada do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, e que afronta agora a parte de responsabilidade civil do caso.
Na súa declaración, Gómez-Limón lembrou a axuda que lle prestaron os veciños de Angrois e lembrou os últimos momentos antes do sinistro, así como os posteriores, nos que, "por desgraza", non chegou a perder o coñecemento. "Lémbroo hora a hora, minuto a minuto", dixo.
Isto, apuntou ao tribunal, causoulle importantes secuelas psicolóxicas, con "ataques de pánico" e necesidade de medicación, así como secuelas físicas "dolorosísimas". Entre outras cousas, explicou que os efectos do accidente imposibilítanlle viaxar en metro, autobús ou avión se non é "por obrigación", transitar por túneles ou mesmo coller o ascensor. "Só vou cómoda no meu coche conducindo eu, porque teño sensación de control, e dáme medo que nun momento dado non poida conducir, porque non me movería de casa", subliñou. Gómez-Limón deixou o PP tras o sinistro pola negativa do partido a unha comisión de investigación.
SEN DIMISIÓNS
Na sesión deste martes tamén compareceron familiares dalgunhas das vítimas mortais do sinistro. Este é o caso dunha muller cuxa filla faleceu no accidente e que afeou que non se producisen dimisións a nivel político e administrativo tras o mesmo, a diferenza do que ocorreu recentemente no caso dos túneles de Cantabria.
"Equivocáronse en medir un túnel e houbo dimisións, e pola morte da miña filla non dimitiu ninguén", dixo a muller, que lembrou, ademais, que o condutor do Alvia pediulle " perdón", "pero ninguén máis".
Tanto ela como o pai e o irmán da falecida coincidiron en que consideraron que era "máis seguro" que a moza viaxase ese día ata Santiago en tren, e non en coche, e pediron que "caia a maior pena posible aos imputados", o condutor e o responsable de seguridade de "unha liña que se demostrou que non era segura". "Isto é como todas as mortes, quedas como parado no tempo, continuas, porque na vida hai que seguir, pero é unha ferida que está aí, que se segue abrindo e pechando", resumiu o pai da vítima.
Tamén os pais doutra nova falecida no accidente apuntaron que consideraron que o tren era o medio máis seguro para viaxar, xa que "viña de festa" á capital galega, e dixeron que lles xera "rabia e impotencia" que "os políticos e responsables de quenda vanse de rositas" mentres as familias "teñen que seguir".
"Ela era un sol, e agora é todo escuridade", dixo o pai da nova, que afirmou que lle "gustou" poder ver "de preto" aos procesados, criticando que se lles dispensou de estar presentes fisicamente nesta parte do xuízo.
Ante esta crítica, a maxistrada Elena Fernández Currás asumiu en primeira persoa esta decisión, alegando que lles autorizou " a non participar nun xuízo que vai durar 10 meses". "A miña filla vai estar máis tempo enterrada", respondeu o home.
A continuación, a nai desta vítima fixo un chamamento aos medios de comunicación para que non utilicen imaxes do momento do sinistro, que son "moi dolorosas" para as familias das vítimas. "Cada vez que hai unha noticia do accidente, eu teño que ver o momento exacto no que a miña filla se está morrendo. É moi doloroso ver morrer á miña filla hoxe, mañá e pasado", clamou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.