O BNG tacha de "obscenos, escandalosos e ofensivos" os beneficios de Audasa sobra a AP-9, que asegura que debería ser gratuíta xa

Pedirá un estudo independente sobre a viabilidade da anulación da prórroga, a súa legalidade e os custos que tería o rescate.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 14/08/2023 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

O deputado do BNG Luís Bará tachou de "obscenos, escandalosos e ofensivos" os beneficios de Audasa, a concesionaria da AP-9, coñecidos a pasada semana e que reflicten que obtivo un beneficio neto de 36,12 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, o que supón un 68,35% máis que no mesmo período de 2022, segundo datos non auditados remitidos pola compañía á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Para os nacionalistas, estas cifras demostran que a AP-9 é "un auténtico filón para a concesionaria" e "unha ruína para Galicia". Bará ve como responsables desta situación aos gobernos centrais "dun e outra cor" polo seu "trato de favor a Audasa coa ampliación da concesión en dúas ocasións". Por iso, o BNG considera necesario "acabar con esta estafa" e avanzou que no próximo período de sesións presentará iniciativas cun dobre obxectivo: "unha AP-9 galega e libre de peaxes".

O primeiro deles, "simbólico e político", así como "fundamental para o autogoberno", recoñece que "non é suficiente". Así, cre que o segundo obxectivo pasa pola "anulación da prórroga concedida irregularmente polo partido do PP co señor Aznar". Entre os argumentos de Bará, "as numerosas autovías (no resto do Estado) que son da mesma época e que hoxe son gratuítas". Nesta liña, sinalou que se conta co aval dun "expediente da Comisión Europea que alerta sobre a irregularidade desa concesión".

SOLICITARÁN UN ESTUDO

Ante esta situación, o deputado nacionalista manifestou que o BNG pedirá a realización dun estudo independente, encargado polo Parlamento, sobre a viabilidade da anulación desa prórroga, "a súa ilegalidade" e sobre os custos que tería o rescate da concesión.

"A AP-9 debería ser gratuíta esta mesma semana. A partir do 17 de agosto. Se non se aprobase esa prórroga ilegal, a AP-9 sería gratuíta. Por iso, cada día que pase a partir do próximo 17 de agosto, 24.000 galegos imos pagar esas peaxes abusivas da autovía. Cada vez que pasemos debemos lembrar que lle debemos ao PP pagar durante 25 anos máis esas abusivas peaxes", reclamou.

O deputado do BNG Luís Bará en rolda de prensa
O deputado do BNG Luís Bará en rolda de prensa | Fonte: BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Moine

A auto-pista Corunha-Vigo já estava amortizada e tinha que ser desprivatizada no primeiro governo de Aznar; e que fizo este sujeito? Outorga-lha de novo a Audasa para ser seguir enriquecendo a costa dos “galeguinhos”, assi consideram-nos em Madrid. Seria bom conhecer a razons ocultas d’esta decisom e quantos se beneficiarom e seguem a se beneficiar nestes momentos.

1 Gamela

Da resposta á Carta da Comisión Europea non sabemos nada de nada... e tampouco explicaron por que motivo ningunha forza política sumouse ás reclamacións presentadas pola asociación En Colectivo // https://en-colectivo.com/noticias/e... Será que ao BNG gústalle dicir que piden e no fondo non piden nada nin reclaman nada en serio ?