Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2023 | Actualizada ás 12:36
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, pide ao Goberno central que non poña escusas "para poder retardar permanentemente a autovía" A-54, en construción entre Santiago de Compostela e Lugo.
Segundo subliñou, a preguntas dos xornalistas durante un acto na capital galega, ese regacho "leva aí desde o ano 2018" e a Xunta concedeu a autorización de forma "exprés" para "unha obra que está a ralentí" desde ese ano.
Deste xeito, e tras as críticas do Partido Socialista, mostrou a súa "sorpresa" e atribuíuno á procura dunha "escusa" por parte do Executivo central, ao que insta a executar as obras "sen dilación". "Os regachos en Galicia existen e están nas cartografías", resolveu.
O sábado, o PSdeG denunciou "cinismo" da Xunta ao criticar atrasos na A-54 cando "paralizan" os permisos para as obras, ao que a propia consellería xa replicou defendendo tramitar "con máxima axilidade" a documentación das obras.
ACCESOS AO CHUS
A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, afirmou que a Xunta está "a ultimar" o estudo de mobilidade para o ámbito do Hospital Clínico de Santiago. A continuación, pediu "implicación" ao Concello.
Así se pronunciou, a preguntas dos medios de comunicación, despois de que a alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, comunicase que este será un dos temas que leve á súa reunión co presidente galego, Alfonso Rueda.
Por outra banda, sobre o eixo de mobilidade sustentable entre O Milladoiro e San Caetano, a titular de Infraestruturas ratificou que o obxectivo é "iniciar as obras este mesmo ano" e reivindicou que esta actuación "suporá unha transformación na forma de moverse" na cidade. Neste caso, tamén esperou "máxima colaboración" do Consistorio santiagués.
No tocante ao aparcadoiro do hospital, subliñou que é "importante coñecer o resultado final" do estudo "para concretar as posibilidades e facilitar o acceso". Así mesmo, defendeu que a Xunta "está a facer o seu traballo en primeiro lugar na súa competencia directa, que é ampliando ese hospital público".
No estudo hai que ter en conta, expuxo, "moitas cuestións de competencia municipal". Por iso cando estea listo a Xunta convocará ao Concello, "para abordalo conxuntamente". "Porque é imprescindible a impliación do Concello de Santiago", advertiu a conselleira. "Canto antes, presentarémolo xunto co concello, que é unha parte fundamental", insistiu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.