Enrique Peinador Lines foi o precursor do galeguismo empresarial, e da fórmula maxistral tantas vecez utilizada polos teóricos da planificación económica. Grazas ao seu exemplo, hoxe podemos engadirlle outro sumando máis, o G de Galeguismo (I+D+i+G). Porque foi un adiantado no seu tempo na incardinación da empresa no medio natural e cultural no que exercen as súas actividades, norma habitual recomendada polos teóricos da Responsabilidade Social Corporativa.
Podemos afirma que na historia do pensamento económico galeguizado do país, Enrique Peinador Lines é a figura máis sobranceira. Non estivo presente no Circulo das Artes de Lugo nos debates do 1º Congreso de Economía de Galicia celebrado naquela cidade en 1925, no que se estableceron as liñas mestras para un desenvolvemento económico sustentable de Galicia. Pero a súa xestión empresarial desenvolveuse sempre no marco das conclusións daquel cónclave económico.
O modelo empresarial que artellou Peinador Lines tivo continuidade no ano 1939 e posteriores, cando Ramón Obella Vidal e Fernando Calvet crearon no Porriño os Laboratorios Zeltia, os laboratorios máis importantes de Europa do seu tempo na elaboración, de pesticidas para combateren as pragas do agro e enfermidades do gando. A incorporación ao accionariado de Antonio Fernández López, que si participou no ano 1925 no 1º Congreso de Economía de Galicia, déulle un pulo ao modelo empresarial, ao editar anualmente o “Almanaque Agrícola ZZ”, unha publicación dun cento de páxinas publicado integramente en galego, en tempos de prohibicións. O réxime fraquista fíxolle varias advertencias de ilegalidade que o empresario desoíu porque como Peinador Lines, falaba galego porque...pensaba en galego!.
Antonio Fernández é o epígono máis cualificado do galeguismo empresarial iniciado por Enrique Peinador Lines. O maxisterio galeguizador de ambos os dous deu os seus froitos, velaí están os centos de marcas agroalimentarias etiquetadas en galego e as empresas prestadoras de servizos públicos e industriais que o utilización nas relacións cos clientes e incorporaron nas súas instalacións.
Outro fito importante na creaciondo pensamento económico galeguista foino o 1º Congreso Galego da Emigración celebrado en Buenos Aires en 1956, que definíu tamén estratexías para a construción dunha Galicia distinta, abafada por mor da falta de planificación económica do réxime franquista. E nese contexto xorde a Revista de Economía de Galicia en 1957, unha publicación que aglutinou os mellores especialistas da planificación económica do momento de clara significación galeguista.
Vén todo isto a conto porque o Concello de Mondariz-Balneario convídanos a asistir á conmemoración do actos programados polo Balneario daquela Vila os días 30 e 31 de agosto de 1920 co gallo do ingreso na Real Academia dos académicos Ramón Cabanillas e Antonio Rey Soto. Acontecemento recollido nun libro da autoría de Xaquín Vales, ”Actos académicos en Mondariz”, no 2006, escrito a instancias do Foro E. Peinador, que foi a entidade que recatou do esquecemento ao egrexio Peinador Lines, complementado máis tarde coa declaración de Fillo Predilecto a título póstumo, colocación de dous monumentos en bronce,un na Vila e outro en Vigo nas inmediacións da Facultade de Empresariais, e a biografía escrita polo historiador Ricardo Gurriarán co acaído título de “Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, Turismo e País”. Pódese ler en www.galeguizargalicia.gal.
A Enrique Peinador Vela débeselle o mérito de erixir parte do Balneario, porque a súa morte en 1917 non lle permitíu facer máis. Foi o seu fillo Peinado Lines ao auténtico creador dunha filosofía empresarial e dinamizador dunhas instalacións hoteleiras que traspasaron as nosas fronteiras. A el débeselle a creación dun modelo empresarial novidoso e mesmo audaz. Foi un galeguista convencido ao servizo dunha causa con total entrega.
Consideramos que a convocatoria do acto debe ser un recoñecemento explícito á súa figura, rehabilitada grazas tamén ao entusiasmo do anterior alcalde José Antonio Lorenzo. Agora tócalles aos propietarios e directivos do Balneario, a partir dos actos programados para o próximo día 23, iniciar unha nova etapa de galeguismo nas instalacións do hotel coa creación dun ambiente lingüístico e cultural explícitos.
Non sabemos se o banquete previsto para esa data inclúen marcas de viños e licores e resposteria etiquetados en galego. Consideramos que este é un requisitos imprescindible para dar comezo á recuperación do espírito fundacional da empresa, creada nun tempo no que Galicia non tiña un marco xurídico que protexese o noso patrimonio cultural. Agora que o temos, os traballadores e consumidores son suxeitos con dereitos lingüísticos que a empresa debe recoñecer e fomentar. A mellor homenaxe é continuar coa herdanza cultural recibida.