Por Moncho Mariño | Santiago | 16/10/2023 | Actualizada ás 22:00
As primeiras semanas de outubro de 2023 serán recordadas polas anómalas temperaturas elevadas no comezo do outono. Se por unha parte algúns sectores económicos se puidesen ver beneficiados, a gandería e a agricultura poderían ver afectada a súa potencialidade no caso dunha prolongación de períodos de seca como os vividos nas primeiras semanas dun outono atípico. Mais os produtores agrarios e gandeiros manifestaron xa os seus temores a que a prolongación destas épocas calorosas e sen choiva acaben favorecendo a aparición de pragas tanto en cultivos como en animais.
AFECTACIÓN
A Consellería de Medio Rural sinala que o volume das colleitas en cultivos “como o millo, a uva de vinificación ou a pataca son normais ou maiores que outros anos”. Sobre a produción de herba “hai que esperar á evolución do outono para valorar”. Aínda así, cultivos como a castaña puido ver reducida a produción por non darse os factores meteorolóxicos propios do outono. “Estas dúas semanas de calor elevado non afectaron ás colleitas de cereais como o millo que practicamente está xa ensilado” di Carlos Basalo de Unións Agrarias (UUAA). Porén, as choivas de setembro deste ano “modificaron algo as cifras da vendima”.
Ao contrario do que lle poda parecer á maioría, a situación vivida “é unha adversidade climatolóxica” apunta Xulio Fernández do Sindicato Labrego Galego (SLG), pois non é normal este tempo. As consecuencias, pola contra, non presentaron grandes dificultades pois “os traballos de sementar prados faise sen dificultades, pois sen choivas o chan está máis compacto o que permite entrar coa maquinaria para recoller cultivos e por exemplo, o ensilado non se atrasou”. Porén, houbo cultivos de horta que viron estirado o seu período de crecemento como os cabaciños e outras plantas de horta que, de darse unha baixada repentina de temperaturas como unha xeada, podería queimalas.
“Certamente non estamos ante unha situación normal, aínda que fenómenos como este son cada vez máis frecuentes” apunta Francisco Bello da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA). Sobre a produción, coincide coas anteriores fontes en que “a produción de millo foi espectacular con 70 Tm/ha, a vendima adiantouse nalgúns casos e o resultado é unha excelente colleita vitivinícola pois algúns fungos non apareceron”, mais outros si que poden aparecer.
Os temores non só se quedan na produción agraria. O gando pode padecer doenzas como a febre hemorráxica no caso do gando vacún ou da lingua azul no ovino. Os vectores de transmisión, sobre todo mosquitos, ante unhas temperaturas favorables poden prolongar o seu tempo de acción, pois sen frío, sen as primeiras xeadas, non desaparecen. Medio Rural, ante a incomodidade expresada por gandeiros e agricultores, sobre todo polos primeiros, apunta que a aparición de doenzas como a lingua azul ou a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica “non ten relación directa coa seca”. Para que aparezan estas dúas enfermidades “teñen que darse dúas circunstancias, a existencia de vectores transmisores, en ambos os dous casos mosquitos do xénero Culicoides, e a presenza de virus circulante que se transmite a través da picada dos mosquitos. A este respecto, o mosquito Culicoides obsoletus está presente por toda a Península Ibérica”.
ADAPTARSE PARA O QUE VÉN?
Se a situación futura para os agricultores e gandeiros pasa por viviren tempadas máis secas e máis prolongadas, o escenario para cultivar e criar gando cambia e canda el as maneiras de cultivo e os propios cultivos. Ou non? “Antes viviamos estacións máis marcadas” di Carlos Basalo, mais entende que “non temos parámetros suficientes para falarmos de cambios de cultivos ou estabilizar certas medidas”. Aínda así, Basalo apunta que “se se prolongan estes ciclos climatolóxicos debemos pensar en cultivos que consuman pouca auga, ou no caso do viño por exemplo, pasalo a zonas máis elevadas onde antes non se daba”.
Existen outros problemas como “a aclimatación de especies invasoras como é a vespa velutina como factor negativo para a apicultura e a prolongación da vida dos mosquitos transmisores de doenzas” destaca Xulio Fernández. Mais o principal problema estaría “no acceso á auga para o cultivo, pois se este mes de outubro non chove ao final en abundancia, hai risco de perdas”. Con todo, Fernández cre que de seguir aumentando estes ciclos climáticos “habería que cambiar a variedades que resistan máis a calor e as temperaturas moi baixas”.
“Queremos ferramentas que nos permitan afrontar as pragas de gando e horta” di Francisco Bello. Sobre este punto, Medio Rural sinala que en Galicia, “a aparición dun organismo nocivo nun territorio está relacionado sobre todo co transporte globalizado de persoas, animais, plantas e mercadorías”. Mais pola contra, a incursión no país dunha nova especie “por unha expansión natural favorecida por condicións climáticas que lle son favorables (polo aumento da temperatura media, por exemplo), é moito máis improbable”.
De xeito paralelo, as incidencias climáticas van en paralelo aos gastos de produción. O cambio de cultivo necesita de investimentos, a falta de forraxe e cereal para facer pensos aumenta o prezo de alimentación do gando. A compra de praguicidas e nova tecnoloxía para combater infeccións, insectos e fungos supón un gasto importante para os e as produtoras agrogandeiras.
Por último, se a suma destes factores acaba por incidir negativamente sobre o sector primario, é moi probable que, como din desde ASAGA, a UE deba importar produtos agroalimentarios doutros lugares onde non se aplican as mesmas normas en canto seguridade alimentaria aplicadas na Unión. Por tanto, o sector agrario e o gandeiro europeo podería verse moi mermado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.