Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/12/2023 | Actualizada ás 10:29
A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo revogou a a anulación, acordada polo Tribunal Superior de Xustiza Galicia en xaneiro de 2022, da resolución do director xeral de Enerxía da Consellería de Economía galega que, o 16 de setembro de 2019, outorgou a autorización previa e de construción do parque eólico de Corme G-3, no termo municipal de Ponteceso.
O TS estima os recursos presentados pola empresa EDP Renovables, promotora do proxecto, e pola Xunta de Galicia, e confirma a resolución administrativa de autorización previa, ao considerar que non incorreu nos motivos de nulidade aceptados polo Tribunal Superior galego, cuxa sentenza anula. Trátase dun proxecto de repotenciación dun parque eólico xa existente, autorizado por resolución de 15 de abril de 1998, mediante o que, substancialmente, prevese substituír o sesenta e uns aeroxeradores xa instalados por sete de maior envergadura e máis avanzados, así como modificar algunhas infraestruturas e adaptar e construír os camiños afectos. O tribunal galego anulou a autorización ao estimar o recurso dun particular.
A Sección Quinta da Sala III do Supremo, en sentenza da que foi relatora a maxistrada Ángeles Huet, determina agora que non concorren as dúas causas nas que se baseou a anulación, ambas as relacionadas co trámite de información pública no procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinario seguido antes de ditarse a autorización do proxecto. En primeiro lugar, a alegación de indebida redución á metade do prazo de alegacións (de 30 a 15 días) e, en segundo termo, que os informes sectoriais deberon solicitarse antes de someterse o proxecto e o estudo ambiental ao trámite de información pública.
O Supremo conclúe que nin a Directiva europea sobre avaliación de repercusión de proxectos públicos e privados sobre o medio ambiente, nin a Lei 21/2013 de avaliación ambiental, impoñen, como requisito formal de obrigado cumprimento, que antes da información pública deba realizarse o trámite de consultas ás autoridades. Así, segundo a sentenza, non pode declararse a invalidez do trámite de información pública polo incumprimento dun requisito formal de previa realización do trámite de consulta ás Administracións afectadas polo proxecto, que non está establecido como tal nin na directiva nin na Lei.
En canto ao acortamiento de 30 a 15 días do prazo do trámite de información pública, tampouco comparte o Supremo que poida permitir anular a autorización, porque os dous preceptos nos que se sustenta a improcedencia de tal redución, un da Lei e outro da Directiva, non resultan de aplicación ao suposto analizado. Así mesmo, indica que en ningún momento explica a sentenza do Tribunal Superior galego que o prazo reducido sexa ou fose insuficiente por impedir ou obstaculizar ao público a presentación de alegacións nin que tal redución puidese cualificarse, por iso, de irrazonable.
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, aplaudiu a sentenza do Tribunal Supremo que "considera legal as autorizacións emitidas e as declaracións de impacto ambiental" realizadas polos técnicos do Goberno galego para parques eólicos. "É un día moi importante para a industria e a enerxía en Galicia", sentenza. Así, agradeceu o traballo "inxente" realizado polos técnicos, tanto da Consellería de Medio Ambiente como de Industria, "traballando para que estes parques teñan esas autorizacións", co que "se garanta a sustentabilidade e a compatibilidade co territorio".
O SECTOR EÓLICO APLAUDE A "BOA NOTICIA"
A Asociación Eólica de Galicia (EGA) aplaude a "boa noticia" do fallo do Tribunal Supremo (TS) xa que "estaban en proceso de recurso e paralización a totalidade dos parques", 75, que tiñan "a correspondente autorización da Xunta, cuxa potencia é superior á metade da potencia instalada actualmente". Neste sentido, o presidente Asociación Eólica de Galicia, Manuel Pazo, remarcou a importancia deste fallo porque estaban en xogo "todos os parques que se tramitaron nos últimos 10 anos". "Levamos tres anos absolutamente parados", quéixase, en "unha incerteza xurídica perniciosa". Así mesmo, subliña que a sentenza do Supremo "devolverá unhas garantías xurídicas necesarias para o desenvolvemento da eólica en Galicia". E é que Pazo a define como un "punto de inflexión" e marca "o futuro industrial de Galicia para a próxima década".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.