Catro investigados por homicidio imprudente dun bombeiro en prácticas atropelado por un bus en Santiago

Entre eles están bombeiros e o conductor do autobús.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/12/2023 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

O Xulgado de Instrución número 3 de Santiago citou a catro persoas como investigadas e a outras dúas como testemuñas en relación coa morte de Jorge Corbacho Mauricio, un bombeiro en prácticas atropelado en Santiago por un autobús urbano durante un operativo de extinción do vehículo. Os feitos ocorreron o 30 de agosto de 2022 no lugar da Cacharela, na parroquia de Aríns.

Diso informan fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a Europa Press, que explican que a causa se segue por homicidio imprudente e infracción das normas de prevención de riscos laborais.

Entre os investigados hai tres bombeiros que formaban parte dese operativo e o condutor do autobús incendiado, da liña 7. O parque de bombeiros recibiu o aviso de que un autobús baleiro da empresa Rías Baixas, que realiza servizo de liña municipal, estaba a arder na parroquia de Aríns.

De inmediato, un retén desprazouse cara ao lugar para comezar cos labores de extinción. Á súa chegada, o condutor do autobús tentaba apagar o incendio que, segundo a información do 112 Galicia, empezaba a descontrolarse.

Mentres os bombeiros montaban o operativo, e de forma "sorpresiva", apuntaba o Concello de Santiago, o autobús comezou a desprazarse cara a adiante, atropelando á vítima. Un ano despois, o pasado 30 de agosto de 2023, o parque de bombeiros de Santiago acolleu unha homenaxe ao bombeiro falecido, nun acto no que interveu o pai de Jorge e descubriuse unha placa conmemorativa e un retrato do mozo de 25 anos.

O autobús calcinado xunto a varios bombeiros durante o dispositivo de extinción do incendio, onde faleceu un bombeiro en prácticas
O autobús calcinado xunto a varios bombeiros durante o dispositivo de extinción do incendio, onde faleceu un bombeiro en prácticas | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta