18F.- A Xunta Electoral deixa a Vox fóra do debate e do plan de cobertura da CRTVG

Argumenta que non é un "grupo político significativo" porque, a diferenza de Sumar e Podemos, non obtivo o 5% nas xerais de 2023

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2024 | Actualizada ás 20:06

Comparte esta noticia

A Xunta Electoral de Galicia desestimou o recurso de Vox fronte ao plan de cobertura da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para as eleccións autonómicas do 18 de febreiro, que non lles outorgaba tempos nos bloques informativos nin presenza no debate que se celebrará o 5 de febreiro.

O principal argumento que esgrime este órgano para xustificar a súa decisión, nun acordo emitido este mércores, 31 de xaneiro, é que non reúne as condicións de "grupo político significativo" en Galicia.

Vox solicitaba no seu recurso que se lle dese o mesmo trato que ás coalicións de Sumar e Podemos, que si están incluídas no plan de cobertura e no debate --que será a cinco, xunto a PP, BNG e PSdeG-- a pesar de ser forzas que non están representadas no Parlamento autonómico.

A Xunta Electoral de Galicia lembra unha resolución emitida fai escasos días e a doutrina da Xunta Electoral Central para insistir en que Vox non pode estar considerado como grupo político significativo porque non alcanzou a barreira do 5% en ningunha das sucesivas citas coas urnas que houbo desde as últimas galegas, en xullo de 2020. En concreto, o partido de Santiago Abascal obtivo o 2,05% do voto naquelas autonómicas, o 0,63% nas últimas municipais e o 4,87% nas xerais de xullo de 2023.

En cambio, Sumar e Podemos si están consideradas como forzas "significativas" e, por iso, contémplanse tanto no debate como no plan de cobertura da CRTVG, porque conseguiron un 10,92% indo en coalición nas últimas xerais. Así, como concorren ao 18F por separado, considérase a estes efectos que tanto Sumar como Podemos obtiveron un 5,46% cada unha nas eleccións estatais.

Por iso, a Xunta Electoral de Galicia desestima o recurso de Vox contra o plan de cobertura do ente público autonómico, pero dálle de prazo ata as 18.30 este xoves, 1 de febreiro, para interpor un recurso de alzada ante a Xunta Electoral Central. En calquera caso, este órgano lembra que "non lle corresponde nin dirixir esa cobertura electoral, nin sequera aprobar os plans de cobertura que os medios poidan realizar".

De feito, as competencias da xunta electoral cínguense a decidir se as actuacións recorridas polas candidaturas "vulneran os principios de pluralismo político e social, igualdade, proporcionalidade e neutralidade informativa" que establece a Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeneral.

O líder de Vox, Santiago Abascal (1i), e o presidente de Vox en Pontevedra e cabeza de lista nas municipais de Vigo, Álvaro Díaz-Mella López (c), durante a presentación de candidatos para as eleccións galegas, no Hotel Galicia Palace, a 21 de. Adrián Irago - Europa Press
O líder de Vox, Santiago Abascal (1i), e o presidente de Vox en Pontevedra e cabeza de lista nas municipais de Vigo, Álvaro Díaz-Mella López (c), durante a presentación de candidatos para as eleccións galegas, no Hotel Galicia Palace, a 21 de. Adrián Irago - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta