O BNG ataca directamente á irmá de Feijóo e pide todos os contratos de Eulen coa Xunta

“Queremos saber porque hai unha contratación sistemática a dedo con Eulen, se estamos ante un caso de nepotismo, de favoritismo, de amiguismo puro e duro", asegura. Desde que Feijóo estivo de presidente en Galicia e ata antes da súa saída, a empresa Eulen facturou máis de 30 millóns de euros.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/03/2024 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

O BNG reclamará ao Goberno do PP que remita ao Parlamento toda a información relativa aos contratos que a Xunta asinou con Eulen, a empresa que dirixe en Galiza a irmá do ex presidente do Executivo galego e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo. Galicia Confidencial publicou antes da súa marcha a Madrid que, desde que presidiu a Xunta, esta empresa gañou contratos por valor de 30 millóns, 13 deles desde o inicio da pandemia.

Micaela Feijóo saúda o seu irmán tras a victoria electoral de 2009
Micaela Feijóo saúda o seu irmán tras a victoria electoral de 2009 | Fonte: EP

En concreto, o BNG exixirá a información relativa aos contratos asinados nos últimos anos tanto polas consellerías como polos diferentes organismos da Administración autonómica, tal e como anunciou este venres o viceportavoz segundo do Bloque no Parlamento, Luís Bará, quen advertiu do uso recorrente da contratación a dedo que se observa nas relacións entre este grupo empresarial e a Xunta. 

No seu labor de fiscalización ao Goberno, o Bloque esixe transparencia ante a sospeita de que houbo un trato de favor á empresa da que forma parte Micaela Núñez Feijóo posto que, tal e como recolle hoxe o xornal dixital El Salto, só entre os anos 2018 e 2023 a Xunta adxudicou a Eulen máis de 1.300 contratos a dedo, sen concurso público, por case cinco millóns de euros.

Na relación de contratos menores entre os diferentes organismos da administración galega e Eulen apréciase, advertiu o deputado nacionalista, un fraccionamento reiterado na contratación para a prestación dun mesmo servizo, unha maneira de “esquivar” a obrigatoriedade do concurso público, prexudicando deste xeito tanto ás arcas públicas -que poderían beneficiarse de mellores ofertas- como a outras empresas, explicou Bará. 

CASO DE "NEPOTISMO"

“Queremos saber porque hai unha contratación sistemática a dedo con Eulen, se estamos ante un caso de nepotismo, de favoritismo, de amiguismo puro e duro, no que se favorece a unha empresa dirixida pola irmá do presidente do PP”, asegurou Bará, para quen, se ben pode haber casos nos que estea xustificado o contrato fraccionado, “resulta sospeitoso que este tipo de contratos se fagan de xeito sistemático cunha empresa determinada vinculada a altos cargos do PP”.

O deputado nacionalista advertiu ademais de que, neste caso, “chove sobre mollado”,  lembrando que non é a primeira vez que se require información á Xunta dos contratos coa empresa na que a irmá de Feijóo é alto cargo. De feito, no 2022 o BNG xa reclamou unha auditoría externa tras coñecerse tamén por informacións de prensa que o goberno do PP triplicara a contratación co Grupo Eulen desde a chegada do presidente do Partido Popular á Xunta. 

Galicia Confidencial xa lle preguntara a Feijóo pore esta cuestión cando aínda era presidente da Xunta e antes de ir a Madrid. A súa resposta: "Manteño os meus principios éticos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta