Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 04/04/2024 | Actualizada ás 14:08
Centos de traballadores da industria galega manifestáronse polas rúas de Santiago e clamaron por "un traballo digno" e contra a "precariedade". A marcha que arrincou minutos despois das 12.00 horas deste xoves do parque da Alameda, finalizou na sede da Xunta en San Caetano, coincidindo coa reunión semanal do Executivo galego.
Durante o percorrido, que estivo encabezado por unha pancarta baixo o lema 'Stop precariedade, traballo digno. Na defensa do emprego e da industria en Galicia', os manifestantes entoaron cánticos como "sen industria non hai futuro" e "a loita é o único camiño". Antes de comezar, o secretario nacional da federación de Industria da CIG, Xoán Xosé Bouzas Aboi, detallou, ante os medios de comunicación, que esta convocatoria se enmarca dentro dunha campaña a nivel confederal e que durante esta xornada reuníronse para analizar a situación a nivel industrial.
Así, fixo referencia á "precariedade" e á reforma laboral realizada en 2022 e á que "vén de atrás" feita polo PP no 2012 e que cualificou de "nociva". Todo iso, continuou, a pesar de que "digan que se crean postos de traballo, son totalmente precarios". "Cambiouse o nome do tipo de contrato, pero a contratación indefinida e a estabilidade no emprego non se está dando", lamentou.
"IMPLICACIÓN DO GOBERNO E DA XUNTA EN ALCOA"
Doutra banda, subliñou as "situacións moi complicadas" para a industria en Galicia e, como exemplo, sinalou o tema de Alcoa que durante esta xornada levou a cabo un dos comités de seguimento da planta. "É unha situación que nos preocupa, porque vemos que a folla de ruta non é nada claro, loxicamente non hai ningún obxectivo, ningún horizonte ao que camiñar", esgrimiu.
Ante isto, puntualizou que "non saben" onde vai finalizar a situación pola que está a pasar Alcoa e que "non teñen" unha perspectiva onde poidan velo como futuro. Desta forma, pediron "implicación" tanto ao Goberno central como á Xunta xa que "son conscientes" dos investimentos que "ten que facer" Alcoa e, por tanto, "teñen que esixir que eses investimentos se realicen". "No caso de que non se fagan eses investimentos teñen que tomar a determinación que é a da intervención, entrar no Consello de Administración e, por tanto, dar seguridade para que Alcoa poida continuar", sinalou Bouzas Aboi.
ENDESA E SECTOR DA AUTOMOCIÓN
Outra das situacións "que lles preocupa" é Endesa e o tema das Pontes xa que fai "máis de catro meses" que tiveron a última reunión da Mesa de Impulso Económico das Pontes e leva "catro meses insistindo en que se reúnan". "Sabemos que estabamos no tema do predesmantelamento, iso finalizou o 31 de marzo, sen dicirllo a ninguén aumentaron ata o 30 de abril. Non sabemos o que vai pasar a partir de aí, loxicamente, a incerteza e o seguimento do tema dos proxectos que se ía a facer e non se fixo", criticou.
Outro dos sectores que para a CIG está en "unha situación moi critica" é o da automoción, aínda que están anunciado "aos catro ventos" novas intervencións, o que ven é que, por parte de Stellantis, "non están a facer ningún anuncio" de cal vai ser o futuro da planta dentro de seis anos (que será cando se deixen de fabricar coches de combustión e pasarán a ser eléctricos). Ademais, ven como desde o ano 2008 en Vigo, na de Ourense e Pontevedra "non se instalou" ningunha industria de compoñentes nin de automoción e "todas foron" para Portugal ou para o norte de África.
"VALENTÍA POLÍTICA"
Nesta liña, a CIG esixiu ao novo goberno galego "valentía política". En primeiro lugar, que o tema da política industrial "é competencia plena" da Administración galega, polo que "ten que facer" política industrial para a comunidade. En canto á política enerxética, "non pode estar a esperar" ao que "lle digan as grandes eléctricas", en palabras do secretario, "sen unha planificación adecuada".
Doutra banda, no ámbito da política social xa que a Xunta "ten que ter sensibilidade" con todas as persoas que dependen de todos eses proxectos que se realizan actualmente, "teñen que ter calidade de vida" e o que "non se pode é expulsalos ao desemprego" ou ao "peche de determinadas instalacións". "Dicímoslle á Xunta que hai que ter valentía política, gobernar para todos e, por tanto, política social, política enerxética e política industrial", sentenciou.
ALTRI
En canto á posición da CIG sobre Altri remarcou van presentar, do mesmo xeito que noutras iniciativas, emendas ao o que está proxectado e "van dicir" cal é a súa postura. "É unha industria que non apostariamos por ela, xa que é unha industria de enclave e non entendemos que este tipo de industrias teñan que estar en Galicia cando noutro país non foron instalados", apostilou. Finalmente, criticou a "ocultación da información intencionada" respecto deste proxecto para que a xente "non soubese realmente" o que lle "viña encima" e agora que se sabe a CIG "vai apoiar" todo tipo de mobilizacións respecto a ese tema.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.