Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/04/2024 | Actualizada ás 14:34
O Partido Popular rexeitou coa súa maioría na Cámara galega a posta en marcha dunha auditoría externa, "a cargo de profesionais independentes", sobre as contratacións de emerxencia efectuadas pola Xunta durante a pandemia derivada da covid-19. Os populares galegos votaron en contra da proposición non de lei a través da que os nacionalistas esixían esta medida. Na votación da iniciativa, que si contou co apoio do parlamentario de Democracia Ourensana, os socialistas optaron pola abstención ao considerar que esta auditoría debe de ser realizada polo Consello de Contas para ser máis garantista.
A petición foi defendida no primeiro pleno ordinario da Cámara galega polo parlamentario do BNG Iago Tabarés, quen reprochou á Xunta que "siga ocultando información" sobre estes contratos. "Mentres estabamos confinados, mentres xente arriscaba a súa vida traballando polos demais, había quen aproveitaba para facer negocio desa situación catastrófica", advertiu Tabarés, que sostivo que asegurado que en Galicia "non se realizaron as tarefas de fiscalización, auditoría da contratación" tendo en conta que a actuación do Consello de Contas "limitouse ao Sergas" e deixou fóra a "todas as consellerías" e resto do sector público autonómico. "Pero é que nin sequera se auditou o Sergas, senón que se deixaron fóra catro das sete áreas", sinalou.
O parlamentario do BNG incidiu en que é o propio Consello de Conta o que manifesta que "non se fiscalizou moita da contratación" da Xunta e denunciou que "a adxudicación de contratos a dedo e a arbitrariedade provoca que se pague máis polas mesmas prestacións", que se "limite o funcionamento dos servizos públicos" e que se prexudique ao "tecido empresarial honesto" que ve vetada a posibilidade de acceder a un contrato porque "non ten parentela sen escrúpulos" na administración.
Neste punto, o deputado do BNG, que dixo que hai dúbidas que se "seguen sen xustificar" sobre un "incremento patrimonial de máis de 800.000 euros" rexistrado polo expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que se debe arroxar luz sobre contratos como os realizados pola Xunta coa empresa Sibuco ou outras entidades como unha á que está vinculado o irmán da parella do actual presidente do Partido Popular.
Aínda que o parlamentario de Democracia Ourensena, Armando Ojea, apoiou a proposición non de lei por considerar que serviría para "aprender" do ocorrido e de "como se comportaron as administracións durante esa época", os socialistas optaron pola abstención por considerar que debería ser o propio Consello de Contas, como organismo intendente público, o que tería que realizar esta auditoría.
A encargada de defender a postura do PSdeG foi a parlamentaria Patricia Iglesias, quen incidiu en que a contratación de emerxencia realizada pola Xunta durante a pandemia adoeceu de "falta de transparencia" e está "chea de opacidade". "Fallaron os controis", dixo para subliñar que a "emerxencia non elude os requisitos de ampliación das regras da contratación pública".
Iglesias sinalou que o Consello de Contas e outros organismos independentes "puxeron negro sobre branco" as "deficiencias e irregularidades" que houbo na contratación durante a pandemia baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo na Xunta. Así, dixo que se adxudicou a empresas que "non tiñan nin solvencia nin capacidade nin experiencia para a subministración e a prestación de servizos sanitarios" e que "houbo "falta de información". "Tamén, a día de hoxe, seguimos sen coñecer que pasou con eses 159 millóns que recibiu a Xunta de Galicia para facer fronte á crise sanitaria", afirmou.
A responsable socialista subliñou que os populares deben dar explicacións no Parlamento galego. "Non estou a falar de responsabilidade penal nin de fraude, iso corresponde aos órganos da fiscalía e tamén aos da xurisdición penal. Estou a falar de responsabilidade política", dixo para incidir en que se o PP non ten nada que "esconder" non debería ter inconveniente en que o Consello de Contas fiscalizase esta documentación.
Neste punto, defendeu a emenda dos socialistas, que foi rexeitada polo BNG (que si se abriu a incorporar este asunto no plan de traballo do organismo fiscalizador) para pedir que fose Contas e non un organismo externo quen fiscalizase as contas públicas por considerar que sería máis garantista.
REXEITAMENTO DO PPDEG
En fronte, o parlamentario popular Roberto Rodríguez defendeu a xestión da pandemia feita por parte do goberno de PP, que permitiu que Galicia fose a comunidade cunha maior porcentaxe de supervivencia. "Esa é a verdadeira auditoría de resultados", afirmou. Así mesmo, sostivo que o Executivo autonómico permitiu a fiscalización dos contratos por parte do Consello de Contas, que non detectou ningunha irregularidade, a diferenza doutras administracións como "o Concello da Coruña onde seguen sen ser publicados todos os contratos de emerxencia da pandemia".
"O Consello de Contas xa falou e como non lles gusta o que dixo, por iso queren outra auditoría", manifestou para incidir en que "Galicia está moi orgullosa do traballo feito durante a pandemia". Un punto no que aproveitou para pór en valor a xestión do agora viceportavoz parlamentario Julio García Comesaña, quen foi conselleiro de Sanidade.
O PP REXEITA AS PETICIÓNS DO PSDEG EN MATERIA DE MEMORIA
Na sesión, ademais, os populares rexeitaron outra proposición non de lei a través da que os socialistas propuñan medidas para o desenvolvemento en Galicia da Lei de Memoria Democrática. A iniciativa, presentada pola parlamentaria Paloma Castro propuña declarar o día 31 de outubro como día de recordo e homenaxe ás vítimas do franquismo, o 8 de maio como efeméride dedicada ás persoas exiliadas e celebrar en Galicia actos institucionais, de recoñecemento e conmemoración.
Na súa intervención, Paloma Castro advertiu de que a política en materia histórica desde a chegada do PPdeG á Xunta é "nula" e sostivo que os populares galegos "non cumpren ningunha das leis" nesta materia. "Nin a de Zapatero nin a lei de memoria actual", afirmou. A medida contou cunha emenda de substitución, rexeitada polo PSdeG ante o que os nacionalistas optaron pola abstención na votación. A postura do Bloque foi defendida pola deputada do BNG Mercedes Queixas, quen considerou que a Cámara debe ir "moito máis alá" de pedir a un goberno que cumpra a lei e pór o foco na realidade galega para instar á Xunta a iniciar unha "política política memorialista propia" na que se institucionalizase o 17 de agosto como día da Galicia Mártir para honrar a Alexandre Bóveda e a todas as vítimas.
Neste punto, aínda que dixo que votaría a favor da proposta, o parlamentario de Democracia Ourensana, Armando Ojea, asegurou preferir a iniciativa dos nacionalistas por ser específica de Galicia. Pola súa banda, o parlamentario popular Gonzalo Trenor xustificou o rexeitamento do seu grupo ao considerar que a proposición non de lei dos socialistas só busca "fomentar a crispación, dividir á sociedade e criminalizar a todos aqueles que non comparten as súas formulacións políticas". "Sinceiramente, creo que vostedes non aprenderon absolutamente nada das últimas eleccións", sostivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.