9X- O PSdeG defende a xestión do Goberno central para ampliar a petición de axudas PAC até o 15 de xuño

Pontón compromete que o escano galego traballará para que esta política non discrimine aos produtores de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 28/05/2024 | Actualizada ás 16:03

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, destacaron que o BNG defenderá en Europa un cambio na Política Agraria Común (PAC) que se adapte á realidade galega en favor dun sector agrogandeiro sustentable, innovador e que achegue empregos e rendas dignas no rural. Así o destacaron nunha visita a Castro de Rei, onde percorreron as instalacións Innolact-Quescrem, empresa á que sinalaron como un exemplo que demostra a capacidade produtiva que ten Galicia cando aposta "pola innovación e polo coñecemento", facéndoo, ademais, desde un concello no interior do país.

Neste sentido, tal e como informou o BNG nun comunicado, Pontón comprometeu que o escano galego que representa o BNG vai servir para darlle voz ao tecido económico e produtivo do país e á a capacidade produtiva e transformadora do sector agrario. Para iso, considerou clave a aposta pola innovación e o coñecemento, pero tamén por apoiar a quen produce, xa que toda a cadea de produción vinculado ao sector lácteo é estratéxica para Galicia e ten que ter unha voz que a defenda en Europa.

"O BNG é a voz que quere defender a toda esa cadea de produción da industria láctea agraria do noso país, empezando por defender a nosa capacidade produtiva, pero tamén que teñamos un novo deseño da PAC que se adapte á realidade galega", profundou para reclamar outra Política Agraria Común que defenda ás e os produtores galegos, fronte aos "agricultores de sofá" que reciben cuantiosas axudas simplemente por ter extensións de terra aínda que non produzan nada.

Por iso, animou a todas as persoas que queren un rural vivo, cunha aposta decidida por unha agricultura que permita rendas dignas e por unha industria transformadora que xere un maior valor engadido a coller o próximo 9 de xuño a papeleta do BNG que encabeza Ana Miranda. Pola súa banda, Miranda coincidiu en sinalar a Innolact-Quescrem como un proxecto de referencia que lle dá vida ao rural a través dun modelo produtivo baseado na innovación e na xeración de valor engadido con produtos de calidade e unha importante capacidade exportadora.

Neste sentido, afirmou que os fondos europeos, en concreto os Next Generation, "teñen que apostar por este tipo de empresas e non por outras como Altri", polo que avogou por impulsar este modelo que, como no caso de Innolact-Quescrem, xera produtos cun alto valor que encaixan perfectamente na estratexia europea denominada 'Da granxa á mesa'. A candidata nacionalista puxo en valor o traballo desenvolvido polo BNG na defensa do sector agrogandeiro galego e comprometeuse a seguir impulsando iniciativas que beneficien a produtoras e produtores e ao conxunto da industria transformadora. Neste sentido, e ademais dunha PAC adaptada á realidade galega, Miranda puxo o foco na aposta nacionalista por impulsar medidas concretas que contribúan á substitución xeracional, dado que "a incorporación de xente nova garante a continuidade deste tipo de industrias", concluíu.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, visitan as instalacións de Innolact-Quescrem
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata ás eleccións europeas, Ana Miranda, visitan as instalacións de Innolact-Quescrem | Fonte: BNG

A candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, mostrou a súa confianza en continuar na Eurocámara tras os comicios do 9 de xuño para "seguir" exercendo de "ponte" das "causas xustas da humanidade" en Bruxelas. A eurodeputada e número tres da coalición Agora Repúblicas reuniu este martes nun local de hostalaría de Santiago a unha decena de representantes de varias causas e asuntos que foron acompañados polo BNG para expuxesen as súas problemáticas ante as institucións comunitarias.

PSdeG

O eurodeputado galego e candidato socialista, Nicolás González Casares, destacou que os fondos europeos de recuperación negociados polo Goberno do PSOE benefician a unhas 4.000 persoas na provincia de Lugo. González Casares visitou en compañía da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, as instalacións da quesería Prestes, situada no polígono de Sete Pontes.

No acto, do que informou o PSdeG nun comunciado, puxo á empresa vilalbesa como "exemplo de innovación no medio rural", unha innovación que serve para "mellorar procesos e lanzar novos produtos", e que "ás veces necesita apoios e pancas" como as que sufraga a UE a través dos programas de axudas postos en marcha polo Goberno.

"E iso tamén se fai na provincia de Lugo, onde hai case 4.000 beneficiarios dos diferentes fondos de recuperación", explicou. Entre eles, detallou o PERTE agroalimentario, que dá soporte, a aspectos como a adaptación dixital e o desenvolvemento de novos produtos. Ademais, permite "iniciativas como as desta quesería, mesmo con investigación con microalgas engadidas aos procesos lácteos".

González Casares destacou Prestes como "un bo exemplo" do modo no que se poden aproveitar "os fondos de recuperación" que o Goberno socialista de España trouxo a Galicia, uns recursos que "outras formacións" non tiveron tan claros. Destacou, así mesmo, que eses fondos contribúen á dinamización de territorios alleos ás cidades e ás grandes industrias.

Durante a súa visita tamén fixo referencia á ampliación do prazo para solicitar as axudas da Política Agraria Común ata o próximo 15 de xuño, "conseguido polo ministro Planas en Bruxelas". "É unha moi boa noticia para os agricultores e os gandeiros da nosa terra e tamén para queserías como esta", porque beneficia aos seus provedores, sinalou.

PPdeG

O candidato número 8 do PP ao Parlamento Europeo Francisco Millán Mon reivindicou como europeos os valores de "reconociliación, esperanza e solidariedade" que encarna o Camiño de Santiago: "Europa nace e constrúese peregrinando". Así se manifestou este martes durante unha visita realizada ao albergue Virxe Peregrina, en Pontevedra, acompañado do presidente local do partido, Rafa Domínguez.

Desde alí, Millán Mon reafirmou a súa aposta por unha Europa "comprometida pola paz, que creza, que cre emprego, crecemento e prosperidade" como a que defende o PP, ao que reivindicou como "o maior grupo da Eurocámara" e "a forza tractora dunha Europa con máis protagonismo no mundo".

Neste contexto, o número 8 da lista popular pediu o voto nas eleccións do 9 de xuño non só para que Galicia obteña o financiamento comunitario necesaria, senón tamén para que "Europa vixíe o Estado de Dereito" en España.

Pola súa banda, o presidente do PP na cidade de Pontevedra lembrou que o Camiño Portugués é o que máis crece de toda Galicia e o que "máis se preocupa" por un turismo sustentable, afastado das masificacións doutros territorios. Por iso, enxalzou ao albergue Virxe Peregrina como "exemplo perfecto" do "compromiso" do seu partido coas instalacións públicas ligadas ás rutas xacobeas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta