Galicia reclama ao Goberno que cubra vacantes na Policía Nacional para chegar a 500 efectivos

Sobre a cobertura de prazas nesta unidade, a socialista Paloma Castro lembrou que o Goberno central xa trasladou á Xunta que, para iso, "é necesario renovar o convenio para adaptalo á lexislación vixente".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2024 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este mércores por unanimidade instar á Xunta a que solicite ao Goberno de España que articule un concurso de méritos na Policía Nacional para cubrir vacantes da Unidade de Policía Adscrita a Galicia, co obxectivo de alcanzar os 500 efectivos. A iniciativa, presentada polo Partido Popular, contou co voto afirmativo dos populares e do representante do Grupo Mixto, así como coa abstención de PSOE e BNG, que presentaran emendas ao texto orixinal, que foron rexeitadas.

O deputado popular Miguel Hidalgo foi o encargado de defender a proposición, na que sinalou que, a día de hoxe, a Unidade de Policía adscrita a Galicia conta con 348 efectivos, "unha cifra que seguirá reducíndose en catro membros no mes de xullo" e cuxa última cobertura de prazas "foi no ano 2013, cun goberno do PP en Madrid, momento no que se alcanzou a cifra máxima de cobertura desta unidade con 474 efectivos".

"Levamos máis de dez anos consecutivos perdendo efectivos nesta unidade, unha situación que non é sustentable nin admisible", dixo, tras o que alertou do incremento da comisión de delitos na comunidade, especialmente os relativos á liberdade sexual, a ciberdelincuencia e aos homicidios. "Non cabe dúbida de que paliar esta situación pasa, entre outras medidas, pola necesidade urxente de que se cubran todas as prazas de Policía Nacional e de Garda Civil, á vez que se complete o persoal da Policía Autonómica ata as 500 prazas", dixo o deputado popular.

FIRMA DO CONVENIO

Na súa quenda de intervención, a socialista Paloma Castro acusou a Hidalgo de dar datos que "non son certos" e asegurou que, durante os anos de Goberno de Mariano Rajoy, as forzas e corpos de seguridade do Estado "perderon 13.000 efectivos, 500 deles en Galicia". Sobre a cobertura de prazas nesta unidade, Paloma Castro lembrou que o Goberno central xa trasladou á Xunta que, para iso, "é necesario renovar o convenio para adaptalo á lexislación vixente".

"Cando estea renovado, aumentaranse os funcionarios de Policía adscrita", asegurou a socialista, sinalando que a Xunta "non quere renovar" este documento porque "non quere asumir o pago do 50 %", algo que supón "un trato igualitario" con respecto a outras comunidades. Tamén o deputado do BNG Iago Tabarés asegurou que Mariano Rajoy deixou o Goberno con "375 efectivos menos" en Galicia e preguntou por que a Xunta "non renova o convenio" co Goberno central en relación á unidade adscrita, "vencido desde 2008".

Tabarés tamén cuestionou a "oposición" da Xunta a "a creación dun corpo de policía galego", e non dependente da Policía Nacional, algo que permitiría "decidir" desde a Comunidade os efectivos necesarios. O deputado de Democracia Ourensana Armando Ojea votou a favor da iniciativa non sen antes reivindicar o labor dos concellos e as Policías locais. Ojea reclamou que se incrementen os efectivos de Policía Nacional en Galicia para que estes "descarguen un pouco ás policías locais", que poderán "volver resolver cuestións relacionadas coa convivencia e co cumprimento de ordenanzas" que "teñen desatendidos" para asumir outras cuestións.

Policía Nacional
Policía Nacional | Fonte: Policía Nacional - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta