O BNG creará unha comisión de investigación parlamentaria sobre as concesións de xestión da AP-9: "Hai que pór luz"

A líder nacionalista, Ana Pontón, considera "un escándalo" que a Administración central "fixese que os galegos paguemos máis peaxes" por unha cuestión de "negocio" e "especulación" coas infraestruturas públicas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O BNG pretende a creación dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia sobre a xestión desde o Goberno central da AP-9 que poña sobre a mesa "toda a verdade" sobre as concesións a Audasa e poidan depurarse "responsabilidades políticas" ante a existencia de "moitas zonas de sombra". Así o avanzou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha rolda de prensa este xoves na Cámara galega, á que o Bloque trasladará a súa petición pola vía ordinaria para que se debata a creación deste organismo parlamentario.

Pontón, que aclarou que o grupo frontista non pretende gastar con esta o dereito a crear unha comisión de investigación que lle corresponde pola aritmética parlamentaria, incidiu na necesidade de coñecer "toda a verdade" sobre a ampliación da concesión a Audasa polo Goberno de José María Aznar en 2003 ata o ano 2048. A proposta do Bloque despois de coñecerse o contido dunha carta remitida pola Comisión Europea ao Goberno central na que consideran que o Executivo de Aznar planeaba a privatización da autoestrada en 1999 e que concedeu unha prórroga para aumentar o seu valor de mercado.

A líder nacionalista considera "un escándalo" que a Administración central "fixese que os galegos paguemos máis peaxes" por unha cuestión de "negocio" e "especulación" coas infraestruturas públicas. "E quen paga o pato desta especulación son os galegos", incidiu Pontón, que cre que a xestión da Autoestrada do Atlántico foi unha "estafa legalizada" sobre a que hai que pór "luz" ante a existencia de "demasiadas zonas de sombra" e "intereses escuros", mesmo relacionadas con "portas xiratorias" de cargos políticos que terminaron no consello de administración de empresas vinculadas a Audasa.

Por iso, o BNG defenderá que unha comisión parlamentaria pemita indagar sobre as prórrogas das concesións que están no foco das institucións europeas, á vez que permitiría "depurar as responsabilidades políticas" que existan sobre decisións tomadas "en contra dos galegos". Deste xeito, confiou en que o PP "non use a súa maioría" para "evitar" que os galegos "coñezan a verdade".

PIDE A GOBERNO QUE NON ESGOTE O PRAZO

Así mesmo, Pontón tamén instou ao Goberno a que rexeite a posibilidade de prorrogar dous meses o prazo para xustificar a prórroga da AP-9 ante a Comisión Europea. Ao seu xuízo, "o lóxico" é que o Executivo renuncie a ese prazo extra concedido polas institucións europeas ante a reclamación de En Colectivo porque esta petición "abre as portas de par en par a que se faga xustiza".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa | Fonte: BNG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta