A oposición urxe á Xunta maior transparencia sobre a xestión e finanzas das entidades instrumentais públicas

Seguindo as recomendacións do Consello de Contas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/06/2024 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

Os grupos parlamentarios da oposición na Cámara galega, BNG e PSdeG, urxiron este xoves a adopción de medidas para reforzar a transparencia e supervisión das entidades instrumentais do sector público, seguindo as recomendacións do Consello de Contas.

A comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia debateu unha proposición non de lei do grupo socialista --que foi rexeitada, grazas aos votos contrarios do PP-- para instar á Xunta a adoptar medidas de transparencia con respecto a estas entidades.

Así, o PSdeG reclamou que se poña xa en marcha o rexistro de entidades dependentes da Xunta previsto na chamada Lofaxga (lei de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público de Galicia), aprobada hai 13 anos.

Igualmente, pediu medidas de supervisión destas entidades e que os consorcios e fundacións nos que participe a Xunta adapten os seus estatutos para sinalar expresamente cal é a administración de adscrición. Tamén urxiron medidas de transparencia sobre a actuación financeira das entidades nas que a Xunta sexa accionista, socio ou partícipe de referencia, en concreto sobre Meisa, Sotavento e Impulsa Galicia.

A deputada socialista, Elena Espinosa, denunciou que a Xunta "fai caso omiso" das recomendacións do Consello de Contas, e advertiu de que a maioría absoluta dun goberno "non debe menoscabar" o labor dos órganos de control. Respecto diso, afeou ao PP e á Xunta a "falta de transparencia" na contratación e a "opacidade" na rendición de contas, con deficiencias e inexactitudes na información que se fai pública.

Na mesma liña, o deputado do BNG, Brais Ruanova, sumouse ás consideracións do PSdeG e lembrou que o grupo nacionalista xa puxo sobre a mesa en múltiples ocasións esa falta de transparencia. "A Xunta é experta en ocultar ou dificultar o acceso á información", constatou, e lembrou que ese obstáculo afecta tamén os cidadáns. Ruanova censurou a demora na aplicación da Lofaxga e a "clara falta de transparencia" no funcionamento de entidades ou sociedades como Impulsa Galicia.

"DEMAGOXIA"

Por parte do grupo parlamentario do PP, o deputado Michel Fidalgo, defendeu que a Xunta "cumpre sobradamente" en materia de transparencia e que, desde 2009, fixo un "esfuerno enorme" para racionalizar a chamada 'administración paralela', coa eliminación de máis de 60 entidades instrumentais.

Fidalgo afeou ao grupo socialista que presente unha proposición non de lei reclamando transparencia estando ese partido implicado en asuntos como o 'enchufe' dunha cuñada de Carmela Silva nunha concesionaria municipal de Vigo, o caso dos ERE de Andalucía ou os "problemas de corrupción" de Pedro Sánchez e a súa contorna.

"Manipulan a realidade, fan demagoxia e tentan confundir", sinalou o deputado 'popular', que recalcou que os contratos da Xunta e das entidades instrumentais están a disposición de quen queira consultalos.

Así mesmo, asegurou que xa se iniciaron os trámites para aprobar o decreto de creación do rexistro deste tipo de entidades, e convidou a PSdeG e BNG a aconsellar esas medidas que propoñen ás administracións onde gobernan.

A deputada do grupo parlamentario do PSdeG, Elena Espinosa.. PSDEG
A deputada do grupo parlamentario do PSdeG, Elena Espinosa.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Elena Espinosa fala de "falta de transparencia" na contratación e a "opacidade" na rendición de contas... (o BNGuai traga e cala mentras en Vigo nin caso!) // "Praza do Rei denegó el acceso alegando que dicha documentación sobre la concesión del Auditorio «es un expediente voluminoso que parcialmente está en uso por la administración municipal, por lo que no es viable acceder físicamente a su contenido» Na miña vin tal disculpa de mal pagador ! https://www.vigoe.es/vigo/local/dil... Velaí a Transparencia dos Chiringuitos que alimentan á familia socialista dende o Concello de Vigo / Outro dia tocará falar da Zona Franca de Vigo (Regades) /// E o BNG traga ? A cambio de que tragan ?