Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2024 | Actualizada ás 13:03
O BNG levará ao último pleno do período de sesións na Cámara galega a súa petición para a posta en marcha dunha comisión de investigación sobre a privatización e a prórroga da concesión da AP-9. Avanzouno este luns a portavoz parlamentaria do BNG, Ana Pontón, quen mostrou o seu desexo de que o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, "non vaia a comisión para tapar as responsabilidades do seu partido e do señor Aznar ao ampliar ilegalmente as peaxes que pagan os galegos e galegas unicamente para que as empresas amigas do PP fagan caixa a conta de Galicia".
Aínda que o regulamento do Parlamento permite de forma extraordinaria e só unha vez por lexislatura a posta en marcha dun órgano deste tipo de forma automática se así o solicitan dous grupos parlamentarios ou un quinto dos membros da Cámara (25 deputados), o BNG opta polo momento pola vía ordinaria para facer esta petición.
Na súa intervención, Pontón sostivo que a propia Comisión Europea apuntou "irregularidades" ao considerar, en dúas ocasións, que a ampliación da concesión é ilegal porque se incumpriu a lexislación europea en materia de contratos, vulnerando dous principios fundamentais: o de igualdade de trato entre operadores xurídicos e o de transparencia.
A este feito "xa moi grave en si mesmo", Pontón sumou outro relevado agora polo Comisario de Interior ao sinalar que "o Executivo presidido por José María Aznar xa planeaba en 1999 a privatización e que a prórroga da concesión era un mecanismo para aumentar o seu valor de mercado".
"O Partido Popular fixo que os galegos e as galegas paguemos as peaxes máis caras do Estado, única e exclusivamente para incrementar os beneficios das empresas concesionarias", recriminou, para sinalar a continuación que o PP "traizoou os intereses de Galicia" para que "as súas empresas amigas fixesen un negocio redondo". "É un escándalo que hai que investigar, caia quen caia", recalcou na comparecencia posterior á reunión de traballo do goberno alternativo do BNG.
A líder nacionalista dixo esperar que Alfonso Rueda "non veta esta comisión de investigación", botando por terra as funcións do Parlamento, "e que non pretenda tapar as responsabilidades do seu partido e do señor Aznar" ante feitos tan graves como "ampliar ilegalmente as peaxes" que pagan os galegos e galegas "única e exclusivamente para que as empresas amigas do PP fagan caixa e conta de Galicia".
Neste sentido, lembrou que as comisións de investigación na Cámara galega, tal e como están reguladas, non están circunscritas a aqueles asuntos nos que ten competencias directas a Xunta, senón que tamén abarcan explicitamente calquera asunto de interese xeral como este que afecta o país.
"É evidente que a ampliación da concesión e a privatización da AP-9 supuxo un golpe moi duro para Galicia porque nos fai pagar peaxes durante máis tempo, porque fai que a nosa economía se resinta precisamente por esas peaxes e porque incidiu e incide na mobilidade do noso país", argumentou.
Por iso, reclamou ao PP que "non poña escusas de mal pagador" e apoie unha comisión que permitirá ao Parlamento cumprir a súa función de investigar unhas decisións que van en contra dos intereses de Galicia e aos galegos "coñecer a verdade" sobre "como e por que" se ampliou a concesión e privatizouse a autoestrada galega. "Só quen ten algo qe ocultar teme unha comisión de investigación", afirmou.
COMPARECENTES
Con este obxectivo, defendeu a necesidade de que, no seo desta comisión de "máxima urxencia democrática", comparezan na Cámara galega os máximos responsables da operación.
Así, tras citar a Aznar, apuntou tamén ao exministro de Fomento e ás persoas que participaban da xestión e que "despois cruzaron portas giratorias", así como ao expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao lembrar que na privatización era conselleiro de Infraestruturas no goberno de Fraga que avalou o proceso", sinalou.
Pontón dixo que esas "portas giratorias" foron aproveitadas por persoas como Luís Bárcenas, que traballou para Audasa, o exministro Arias Salgado, que xestionou a ampliación e privatización da AP-9 e que en 2005 foi fichado prol Sacyr, do mesmo xeito que Francisco Moure e José Ramón Calderón, que eran conselleiros de ENA Infraestruturas no momento da privatización.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.