Investigadores sanitarios de fundacións públicas reclaman á Xunta "iniciar xa" a negociación dun convenio único

Dende a CIG queixanse de que a Xunta "tampouco informou" os representantes do persoal sobre o modo de desenvolver este proceso de integración no sistema público: "A día de hoxe nin sabemos que persoal é o afectado nin con que vínculo pasa a ser persoal laboral público".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2024 | Actualizada ás 17:19

Comparte esta noticia

Decenas de traballadores das fundacións públicas de investigación sanitarias públicas e da Fundación de Medicina Xenómica concentráronse este mércores, ante a porta do Hospital Clínico de Santiago, para pedir á Xunta "iniciar xa a negociación" dun convenio colectivo único para todas elas. A protesta, convocada por CIG e CSIF, tamén serviu para demandar "información" sobre o proceso de integración destas entidades na Administración galega, así como sobre a estabilización e consolidación do emprego.

En concreto, estaban chamados a participar nesta concentración investigadores da Fundación Biomédica Galicia Sur (Vigo), da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis) e da Fundación Novoa Santos (A Coruña), que levan dous anos co convenio vencido, e da Fundación de Medicina Xenómica, que "nin sequera ten convenio propio".

Así o explicou o responsable de negociación sindical da CIG, Miguel Tizón, quen insistiu en que a Consellería de Sanidade debe constituír unha mesa única para alcanzar un acordo para estas catro entidades. "Ata agora, a resposta da administración sobre a data para convocar esta mesa é a calada", criticou.

Neste contexto, o sindicalista queixouse de que a Xunta "tampouco informou" os representantes do persoal sobre o modo de desenvolver este proceso de integración no sistema público: "A día de hoxe nin sabemos que persoal é o afectado nin con que vínculo pasa a ser persoal laboral público".

O responsable da CIG avoga por que se articulen nas fundacións "procesos negociados de estabilización e consolidación de emprego que dean un futuro digno ao persoal e á investigación sanitaria galega". Ademais, denuncia que a "improvisación" da Xunta na integración destas entidades levou "un atraso" na autorización dos contratos laborais do persoal necesario para desenvolver determinadas actividades.

Concentración de investigadores de fundacións públicas galegas convocada pola CIG e a CSIF
Concentración de investigadores de fundacións públicas galegas convocada pola CIG e a CSIF | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta