Só o 5 % da superficie agraria galega conta con seguro a pesar de duplicarse nos últimos 5 anos

O director xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, subliñou que os seguros para explotacións gandeiras "predominan" fronte ás agrícolas ao representar "o 90 %" do total de capital.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 05/07/2024 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

Só o 5 % da superficie agraria galega conta con seguro a pesar de duplicarse o número de hectáreas con pólizas contratadas nos cinco últimos anos ao pasar de 14.836 hectáreas en 2019 a case 30.000 en 2023. Así o destacou o director xeral de Gandeiría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, durante a súa resposta a unha pregunta formulada pola deputada do PP, Cecilia Vázquez, durante a Comisión de Agricultura celebrada este venres no Parlamento galego.

Alí, Balseiros repasou a evolución nos últimos cinco anos dos seguros agrarios, unha ferramenta "extraordinariamente importante" e un "instrumento imprescindible" para as explotacións gandeiras que en Galicia recoñeceu que debe incentivarse e promocionarse ante o baixo número de pólizas contratadas en comparativa co resto do Estado. Neste sentido, sinalou que no ano 2023 a superficie agraria con seguro contratado sitúase no 5 %, cunhas 30.000 dos 5,8 millóns de hectáreas que existen no Estado con figuras de protección, o que atribuíu á "atomización" e "minifundismo" que caracteriza a propiedade en Galicia.

Balseiros subliñou que os seguros para explotacións gandeiras "predominan" fronte ás agrícolas ao representar "o 90 %" do total de capital. En canto aos seguros sobre animais, do ano 2019 ao 2023 incrementáronse en 10 millóns de euros o volume dos seguros, ao pasar de 29 a 39, co que os galegos representan en torno ao 10 % dos 417 millóns de euros asegurados que hai no Estado. Así as cousas, apelou a "incrementar os esforzos" por parte do ministerio e das comunidades para fomentar a contratación de seguros no sector agrícola, especialmente ante o contexto actual de cambio climático e efectos adversos climatolóxicos sobre os cultivos.

SECTOR LÁCTEO

A continuación de Balseiros tamén pasou pola Comisión de Agricultura o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño Varela, para responder a outra pregunta, neste caso, formulada polo parlamentario popular, Enrique Barreiro, sobre a situación dos prezos no sector lácteo. Neste sentido, Cerviño destacou "dúas ferramentas" deseñadas pola Consellería do Medio Rural para mellorar a prestación económica que perciben os gandeiros da explotación de leite: a lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria e o 'Paquete lácteo', que marca "as condicións" de contratación no sector lácteo e regula o "recoñecemento" das organizacións de produtores. Segundo Cerviño, estes mecanismos "favorecen a rastrexabilidade e transferencia nas transaccións comerciais" pois "obriga" a formalizar contratos e "faculta" ás administracións a exercer de "vixiante" das operacións.

Vacas
Vacas | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta