Averigua o que custa ir de Santiago a Coruña pola AP-9

Se a velocidade varía entre o permitido, 120km/h, e 150 km/h, o gasto é importante e o aforro de tempo, escaso.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 22/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Todos aqueles galegos que están acostumados a empregar a carísima autopista AP-9 como vía habitual de desprazamento saben que moitos vehículos, a pesares de que a velocidade máxima estea fixada en 120 quilómetros por hora (con pequenos tramos a 90 e 100 por elevada perigosidade), van moi por enriba do límite. Se ti vas a 120 polo carril da dereita e che adianta un a toda velocidade pola esquerda é sinxelo intuír que ten que ir a moito máis. Os motivos poden ser moi diversos: dende costume, aburrimento, ganas de chegar ao lugar, présas por chegar tarde... Pero, sexa cal sexa o motivo, hai unha verdade incuestionable: eses coches que van a altas velocidades van gastar bastante máis en gasolina ou gasóleo (e, en consecuencia, en cartos) que os que van á velocidade indicada nos sinais da vía. Canto máis? Pois iso é o que hoxe analizamos dende o Galicia Confidencial. Toma nota e xa ti dirás se compensa ou non.

Saída da AP-9
Saída da AP-9 | Fonte: AUDASA - Arquivo

Partindo das táboas oficiais da Dirección Xeral de Tráfico (DGT), o consumo medio dun coche a gasóleo para as diferentes velocidades é o seguinte: 4 litros por cada 100 quilómetros percorridos a 90 km/h; 4,45 se se percorren a 100 km/h; 4,75, a 110 km/h; 6,05 a 120 km/h; 6,92 a 130 km/h; 7,85 a 140 km/h; e 8,15 litros por cada 100 quilómetros percorridos se se vai a 120 km/h. No caso de que o coche sexa a gasolina, a relación é a seguinte: 6 litros por cada 100 quilómetros percorridos a 90 km/h; 6,30 se se percorren a 100 km/h; 7,64 a 110 km/h; 8,10 a 120 km/h; 9,34 a 130 km/h; 10,30 a 140 km/h; e 11,90 litros por cada 100 quilómetros percorridos a unha velocidade de 150 km/h. Como se observa, as diferenzas son notables xa en litros consumidos, pero se as traducimos a cartos, moito máis. Ademais, tamén habería que ter en conta a orografía do terreo, que neste caso non se vai contemplar.

DIFERENZAS VELOCIDADE-GASTO NO TRAXECTO SANTIAGO-A CORUÑA

Por poñer un exemplo práctico, tomamos a distancia que separa a cidade de Santiago de Compostela da Coruña, é dicir, 74 quilómetros. Canto máis gastará un coche que vai a 150 km/h que un que respecta o límite de velocidade fixado en 120 km/h? Facendo os cálculos obtemos que un coche a gasolina que percorre pola AP-9 a distancia que separa Santiago da Coruña a 120 km/h consumirá 6 litros de gasolina. Como o prezo medio do litro en Galicia está a 1,626 euros (datos do 8 de xullo), estariamos falando dun custe de 9,76 euros. Se aumenta a velocidade a 130 km/h (algo nada raro de ver) os litros consumidos soben a 6,91 e, polo tanto, o custe do combustible a 11,24 euros. Pasando xa a 140 km/h, o consumo chega aos 7,62 litros, é dicir, aos 12,39 euros. E se poñemos o coche a gasolina a 150 km/h, o consumo ascendería ata os 8,81 litros e o desembolso en cartos ata os 14,33 euros.

Así as cousas, pisarlle ao acelerador non sae nada barato: subir de 120 a 130 xa incrementa o custe desa viaxe Santiago-Coruña en 1,48 euros, o que se se realiza este traxecto de xeito diario, ao mes sumaría 45,88 euros máis; pero subir de 120 a 140 eleva a diferenza a 2,63 euros, o que ao mes suporía desembolsar 81,53 euros máis; e pasando de 120 a 150 a cousa xa é alarmante, pois os litros consumidos de máis equivalen a gastar no mesmo traxecto 4,57 euros máis, o que ao mes viría a deixar a conta total en 141,67 euros a maiores. Non estamos a falar de calquera bobada. E canto tempo se aforra? Para calculalo hai que quitar todas as variantes de velocidade que teñen os sinais da AP-9 e entender que durante toda a viaxe vamos á mesma velocidade. Así, indo a 120 km/h todo o tempo chegaríamos á Coruña en 37 minutos dende Santiago, mentres que indo a 150 km/h chegaríamos en 29,6, é dicir, o aforro de tempo sería de só 7,4 minutos.

Facendo o mesmo exercicio pero cun coche a diésel, as diferenzas tamén son grandes. Así, percorrer eses 74 quilómetros que separan Santiago de A Coruña a unha velocidade de 120 km/h supón consumir 4,47 litros de gasóleo. Tendo en conta que o prezo medio actual para o litro deste tipo de combustible está nos 1,518 euros en Galicia, estamos a falar de que ese percorrido custaría 6,79 euros. Se pisamos ao acelerador e chegamos a unha distancia de 130 km/h, o gasto en combustible sería de 5,12 litros, e en cartos chegaría aos 7,77 euros. Saltando xa aos 140 km/h, percorrer esa distancia gastaría 5,81 litros, é dicir, 8,82 euros. E se eses 74 quilómetros que separan Santiago da Coruña se percorren a 150 km/h, o combustible consumido para ese coche de diésel sería de 6,03 litros, o que suporía un gasto de 9,15 euros.

DIFERENZAS VELOCIDADE-GASTO NO TRAXECTO SANTIAGO-VIGO

Se agora en lugar de viaxar de Santiago á Coruña o facemos de Santiago a Vigo, obtemos un resultado moi semellante en diferenza de gasto, aínda que algo máis abultado porque entre estas dúas cidades galegas hai 89 quilómetros, que veñen a ser 15 máis que os que separaban Compostela da cidade herculina. Así as cousas, un coche a gasolina que percorra eses 89 quilómetros a 120 km/h pola AP-9 gastará 7,21 litros de combustible, o que tendo en conta que o prezo medio actual deste combustible en Galicia é de 1,626 euros o litro, supón un desembolso de 11,72 euros. Se aumentamos a velocidade do coche ata os 130 km/h, o gasto de gasolina sería de 8,31 litros, e suporía deixarse 13,51 euros. Pasando xa aos 140 km/h, o combustible gastado elevaríase ata os 9,17 litros, é dicir, 14,91 euros. E subindo a velocidade ata os 150 km/h, percorrer eses 89 quilómetros suporía gastar 10,59 litros, o equivalente a ter que desembolsar 17,22 euros.

Deste xeito, nese traxecto de Santiago a Vigo ir a 120 km/h ou a 130 supón unha diferenza de 1,79 euros, o que supón que facendo este percorrido a diario durante un mes haxa que desembolsar un total de 53,7 euros; pasar de 120 km/h a 140 levaría aparellado o gasto de 3,19 euros máis, o que suporía 98,89 euros máis facendo esa ruta durante todo un mes; e xa se falamos de en lugar de 120 km/h ir a 150, o gasto elevaríase en 5,5 euros, é dicir, 170,5 euros ao mes. Son diferenzas escandalosas. E canto tempo se aforra? Para calculalo hai que quitar todas as variantes de velocidade que teñen os sinais da AP-9 e entender que durante toda a viaxe imos á mesma velocidade. Así, indo a 120 km/h todo o tempo chegaríamos a Vigo en 45 minutos dende Santiago, mentres que indo a 150 km/h chegaríamos en 35,6, é dicir, o aforro de tempo sería de só 9,4 minutos.

Facendo o mesmo exercicio cun coche a diésel, as diferenzas tamén son significativas. Así, percorrer eses 89 quilómetros que separan Santiago de Vigo a unha velocidade de 120 km/h supón consumor 5,38 litros de gasóleo. Se o prezo medio actual do litro de diésel en Galicia está nos 1,518 euros, ir a 120 km/h suporía un desembolso de 8,17 euros. Subindo a 130 km/h, os litros consumidos ascenden tamén ata os 6,16, o que significaría gastar 9,35 euros. Pasando aos 140 km/h, os litros consumidos chegan ata os 6,99, e o gasto en cartos sería de 10,61 euros. E se eses 89 quilómetros que separan Santiago de Vigo se percorren a 150 km/h, o combustible consumido para ese coche a diésel sería de 7,25 litros, o  que suporía un gasto de 11,01 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta