Ata sete atropelos en Galicia na mañá deste luns

Santiago, Ames, Pontevedra, Camariñas, Cangas, Nigrán e Ourense foron os lugares onde se produciron.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2024 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

Unha muller resultou ferida na mañá deste luns tras ser atropelada por un vehículo no centro urbano de Santiago de Compostela. Segundo a información do CIAE 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 10.30 horas na confluencia entre as rúas Santiago de Chile e Frei Rosendo Salvado. Ata a zona desprazáronse efectivos da Policía Local e unha ambulancia de soporte vital básico do 061, que trasladou á muller ferida ao Hospital Clínico de Santiago, tal e como confirmaron a Europa Press fontes da Fundación Pública.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: Europa Press - Arquivo

Por outra banda, tamén un peón resultou ferido este luns tras ser alcanzado por un camión na rúa A Bicada, na localidade coruñesa de Ames. Segundo informou o 112 Galicia, o atropelo produciuse minutos antes das 12.00 horas. Nese momento, varios particulares contactaron coa central de emerxencias explicando que un camión atropelara a un peón.

Así, os operadores do 112 mobilizaron ao GES de Brión e a efectivos do parque comarcal de Bombeiros de Boiro. Con todo, á súa chegada comprobaron que o ferido se atopaba liberado e accesible e só procederon á limpeza da vía. Pola súa banda, os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ocupáronse da atención e posterior traslado do ferido. Tamén colaboraron os axentes da Policía Local.

OUTROS ATROPELOS

Así mesmo, durante a mañá deste luns o 112 Galicia rexistrou outros cinco sucesos destas características. Tamén sobre as 12.00 horas, en Pontevedra, unha persoa foi alcanzada por un vehículo na rúa Santa Teresa de Jesús Jornet. Pouco antes, en Camariñas, un condutor que facía a reparto do pan atropelou a unha muller co seu vehículo.

Ademais, ás 11.30 horas, unha muller resultou ferida en Cangas tras ser atropelada por un coche que se atopaba realizando unha manobra marcha atrás. Á primeira hora, sobre as 08.30 horas, rexistrouse un atropelo en Nigrán, na estrada PO-325, e ás 09.45 horas na rúa Ramón Puga de Ourense. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta