O PP rexeita unha moción do BNG sobre a xestión do Cunqueiro: "O hospital é público, non hai nada que rescatar"

Os nacionalistas acusan aos populares de traballar "a pleno rendemento para blindar o beneficio" das empresas privadas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/09/2024 | Actualizada ás 17:50

Comparte esta noticia

O grupo parlamentario do PPdeG tombou este martes unha moción do BNG na que demandaba "rescatar o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo das mans das multinacionais, para que se converta no hospital público que sempre debeu ser", xa que os populares consideran que o centro hospitalario da cidade olívica "é público" e "non hai nada que rescatar".

"Os servizos non sanitarios están externalizados, non privatizados, igual que fan concellos e deputacións onde goberna o BNG", argumentou a deputada popular Encarna Amigo.

A proposta defendeuna a parlamentaria do Bloque Montse Prado, que insistiu en que o PP "bota balóns fose" e "non asume ningunha responsabilidade" sobre a construción e xestión do Cunqueiro.

"Non queda practicamente ninguén por dicirlle que as decisións tomadas polo PP na Xunta sobre a decisión da construción do Cunqueiro por un sistema onde os beneficiarios son as empresas supón unha sobrecarga para as arcas públicas e todo beneficio para as privadas", sinalou Prado.

Nesta liña, sostivo que o Partido Popular "traballou a pleno rendemento para blindar o beneficio ás que lle adxudicou toda a concesión", pondo en práctica, dixo, "un neoliberalismo moi militante", do mesmo xeito que, engadiu, "pretende facer coa instalación da macrocelulosa de Altri".

AS LISTAS DE ESPERA "NON BAIXAN"

Ademais, a deputada do BNG apuntou que as listas de espera "non baixan" e na área sanitaria de Vigo "hai practicamente 100.000 persoas en lista de espera". "Todas estas decisións non están a facer que a xente estea mellor atendida", lamentou.

Por todo iso, expuxo a iniciativa do BNG que, segundo manifestou, demanda, entre outras cousas, que o Parlamento "se declare como defensor da sanidade pública, universal e de calidade e que mostre oposición a que os fondos sexan os propietarios do Cunqueiro".

A continuación, a deputada do PSdeG Elena Espinosa, que avanzou na súa intervención a súa postura a favor desta moción, criticou que os populares "levan 15 anos recortando o sistema público sanitario, privatizando e facilitando todo á sanidade privada" e puxo como exemplo o caso do Cunqueiro.

"Se o Álvaro Cunqueiro contase coas camas e quirófanos previstos, as listas de espera non serían tan avultadas", argumentou a parlamentaria socialista que tamén cuestionou que o PP diga "que nunca se saturou" mentres "hai miles de persoas esperando a ser atendidas".

Pola súa banda, o deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea (Democracia Ourensá), que se abstivo, manifestou que, "a priori", á espera da comisión de investigación, descoñece se "o sistema que funciona no Cunqueiro é mellor ou peor". Con todo, si se mostrou favorable a que se realice unha auditoría externa.

O PP ACUSA AO BNG DE "MENTIR"

Por parte do grupo parlamentario popular interveu Encarna Amigo, que fixo especial fincapé en que o centro hospitalario vigués "é público e todos os servizos que se prestan son públicos".

"A sanidade pública galega é gratuíta, universal e de calidade", insistiu para, a continuación, acusar os nacionalistas de "mentir". "Non tedes nin medida nin vergoña. Cada vez máis a súa desvergoña e descaro non ten límites. Afortunadamente, a maioría de galegos non se deixan enganar tan facilmente por cantos de sirena e á vista está en quen depositan a súa confianza", esgrimiu.

Así, a representante dos populares galegos reiterou que "non hai nada que rescatar" e argumentou que os servizos non sanitarios "están externalizados, non privatizados", ao igual, dixo, "que fan concellos e deputacións onde goberna o BNG".

Votación no Parlamento de Galicia/ Europa Press / Europa Press
Votación no Parlamento de Galicia/ Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta