Por Galicia Confidencial | Galicia | 23/12/2008 | Actualizada ás 21:15
Toda a información que xira nas últimas semanas arredor dos aeroxeradores
versa sobre o reparto das concesións de parques eólicos.
Lévase dito de moitas maneiras; todo o decreto eólico é problemático
desde o punto de vista ecolóxico, de conservación do patrimonio e tamén,
claro está, desde os puntos de vista económico e do sistema de reparto
das concesións administrativas.
Non é o reparto o único problema.
A saída do PSOE da comisión avaliadora ten dúas lecturas: deslexitimar a
posible aprobación do tal reparto por parte do BNG, pois faríao co
desacordo público dos seus socios; e tratar de adiar as adxudicacións
para impedir que se produzan antes das eleccións. O Decreto é unha baza
electoral escandalosa.
Pero a Frente Popular Galega (FPG) censura tamén a actitude cínica do PP.
Por que agora amosan tanto interese con denuncias públicas, cando no
Parlamento puideron solicitar a creación de comisións de seguimento e de
investigación? Pero o PP non pode facer iso porque non quere que salte á
palestra pública os seus preitos das hidroeléctricas, coa investigación
por parte da fiscalía de prevaricación de Luís Castro Valdivia, cuñado
de Ramón Ordás (exdirector xeral de Industria, Enerxía e Minas no
período de Fraga) ou as investigacións por corrupción a Manuel
Rodríguez-Portugal, enxeñeiro xefe da Deputación de Ourense, entre
outros casos que salpican ao Partido Popular.
Na FPG e no movemento ecoloxista seguímonos facendo varias preguntas:
-Por que se tomou a decisión de presentar a concurso case 2.500 Mw?
Precisa Galicia desa produción?
-Por que se permite a especulación, o mercadeo da potencia producida logo
da construción do parque eólico?
-Por que non hai un seguimento do cumprimento íntegro das anteriores
adxudicacións eólicas?
-Por que non se fala de repotenciar os aeroxeradores existentes, no canto
de abrir novos parques que ocupan todo o territorio, estragando os nosos
montes, destruíndo o patrimonio natural e histórico?
Moito nos doe que sexa a Consellaría de Innovación e Industria, da cal é
responsable unha persoa con carné dun partido dito nacionalista e
comunista, a que preparou este Decreto Eólico de forte contido
colaboracionista co capital máis depredador e colonialista.
Non somos, na FPG, contrarios á explotación do vento como fonte de
enerxía, aínda considerando que hai outras de maior rendemento, como é a
fotovoltaica, pero si nos opoñemos á destrución da paisaxe e das nosas
riquezas patrimoniais dun xeito absolutamente irracional e desleixado.
Pensamos que hai outras formas de utilizar e xestionar a nosa riqueza
natural, sen tanto prexuízo para a nación e máis beneficiosas;
preocupándose, por exemplo, polo servizo que deben dar as empresas de
subministración eléctrica a toda a poboación, por moi alonxada ou
dispersa que se atope porque, á hora de pagar, as tarifas son as mesmas;
como da construción de liñas de baixa tensión cara o rural.
Contra o lucro colonial da produción enerxética!
Frente Popular Galega,
na Terra, 23 de decembro de 2008.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.