Por Xurxo Salgado | Compostela | 04/11/2024 | Actualizada ás 22:00
"Non tes vergoña", "non temos colectores, ni máscaras, nin nada", "impresentable", "Lárgate ou te tiramos ao mar".... Era o 3 de decembro de 2002, tres semanas despois do desastre do Prestige fronte as costas galegas. A indignación acumulada pola incompetencia dos gobernos galego e central, ambos os dous en mas do PP, na xestión da marea negra desencadeaba incidentes violentos. O alcalde de Ribeira e presidente da Deputación da Coruña, José Luis Torres Colomer, tamén do PP, era increpado e empurrado por un grupo de mariñeiros no porto de Aguiño.
Unha imaxe semellante pero con diferentes actores tivo lugar este domingo, 3 de novembro, en Paiport, o quilómetro cero da traxedia da pavorosa DANA que afectou a Valencia hai case unha semana. "É unha vergoña", Estamos sós", "asasinos", "onde está o Exército".... Foron algúns dos berros que tiveron que escoitar o presidente do Goberno españo, Pedro Sánchez; os reis de España, Felipe VI e Letizia e o president da Generalitat, Carlos Mazón.
Entre as dúas imaxes hai 22 anos de diferencia, aínda que a rabia é semellante e os insultos case iguais. E todo, pola incompetencia das autoridades por facer fronte a un desastre ambiental sen precedentes. Con todo, hai diferencias importantes; en Aguiño os que se enfrontaron co presidente da Deputación da Coruña eran bateeiros, sobre todo, da Illa de Arousa. No caso de Valencia, había veciños, pero tamén xente chegada doutros puntos de España e que algunhas fontes vinculan con grupos de ultradereita, un feito que xa investiga a Policía.
Tamén nesas datas, a principios de Nadal de 2002 Rajoy, entón vicepresidente de Aznar, visitaba praias afectadas, pero moi acoutadas e con poucos voluntarios que o puideran apupar. O 2 de decembro era o rei Emérito, Juan Carlos, quen visitaba Muxía e Laxe e ante un grupo de escolares dicía aquilo de "Fuenteovejuna, todos a una" para reclamar unidade. A diferencia do seu fillo en Poiport este domingo, Juan Carlos de Borbón non foi mal recibido, a diferencia dos berros de protesta que tiveron algúns políticos que o acompañaban, entre eles, Rajoy.
TORRES COLOMER PROTEXIDO CUN PARAUGAS
Elixiu o monarca español e os políticos de Aznar lugares onde sabían que non ían ter moitos problemas. Non era o caso das rías Baixas, onde os ánimos si estaban moi caldeados. Aquel 3 de novembro de 2002, Durante toda a mañá, pescadores e mariscadores traballaron no porto de Aguiño recollendo restos do fuel do Prestige utilizando as súas propias embarcacións. Sen medios e esgotados, descubriron nun descanso que Torres Colomer, xunto con outros cargos do PP, paseaba polo peirao, con traxe e gravata, protexido por un paraugas que lle aguantaba un policía local.
Os ánimos quentáronse. "Non tes vergoña. Vés aquí a pasear cando está en perigo o pan dos meus fillos. Non temos colectores, nin máscaras, nin nada. Largo de aquí ou te tiramos ao mar. Onde están as barreiras anticontaminación?" Un policía local achegouse ao mariñeiro e tentou contelos con boas palabras. Pronto, con todo, uníronse outros mariñeiros. O alcalde respondeu: "Joder, as barreiras xa están a chegar de Ribeira. Tranquilos". As súas palabras só acenderon máis os ánimos.
Cada vez eran máis os mariñeiros que se achegaban ao lugar. Un deles, entón, colleu coas mans restos de chapapote e tiroullos ao alcalde. Outro achegouse, agarrouno e abaneouno. Varios policías locais conseguiron formar un cordón ao redor do alcalde e sacalo do peirao polo aire. "Que non se achegue nunca máis por aquí. É un impresentable, están a xogar connosco", gritaba un mozo mexilloeiro, con bágoas nos ollos. E ao mesmo tempo, 70 quilómetros ao norte, en Santiago, fronte á sede do Parlamento galego, un grupo de manifestantes era duramente repelido pola policía cando lanzaban bidóns de chapapote contra o edificio oficial denunciando a falta de medios.
"EU VIÑA CHORANDO PORQUE NINGUÉN NOS DABA NADA"
Anos despois, nunha entrevista no Galicia Confidencial, Víctor Dios, bateeiro da Illa, lembraba aqueles tensos momentos. “Eu viña na planadora chorando porque ninguén nos daba nada, nin roupa de augas nin querían fiarnos combustible para volver a saír e seguir quitando chapapote” di Víctor Dios, bateeiro da Illa de Arousa.
Lembra que todos estaban desesperados ante as noticias do afundimento do barco e as súas consecuencias. Se a marea negra entraba na ría de Arousa “é que se acababa o noso medio de vida”. O cru vertido desde o petroleiro non chegara ás bateas mais xa estaba na boca da ría, pois a lancha de vixilancia da confraría da Illa “avisou que vararan en manchas enormes á altura da illa de Sagres, que está a unha milla e media de Sálvora”. Dentro da lancha ía un irmán de Víctor e un vixilante que chamaran a terra xusto cando os mariñeiros se preparaban para ir ao traballo. “Aí foi cando xa fomos directamente para a boca da ría, para Aguiño, ao romper o día”.
MARIANO RAJOY: “NON HAI PERIGO”
Unha vez situadas as planadoras na entrada da ría os tripulantes comezaron a recoller chapapote “como puideron”. Víctor e os compañeiros de traballo tiñan o seu barco bateeiro atracado no porto de Aguiño. “Estabamos esperando un momento para logo saír para cargar o que traían as planadoras”. Nese momento escoitaron o informativo da SER emitindo voz de Mariano Rajoy, vicepresidente primeiro do Goberno e ministro de Presidencia naquela altura. As declaracións do vicepresidente foron: “no hay peligro, el chapapote está a veintitrés millas de la ría de Arousa”. “Nós xa estabamos colléndoo na entrada da ría, unha mentira máis das que xa estaban a contar” di Víctor. Nese momento subiu a unha planadora dun amigo de Arousa e saíu para a entrada da ría. “No barco quedaran os meus irmáns porque o choio era pouco aquel día”.
“As manchas de fuel estaban xa entrando a monte por Aguiño, aquilo metía medo”. O enfrontamento coas manchas de cru sobre o mar fíxose coas mans, caldeiros, trueiros e pas furadas. “Avisamos aos ferreiros e ferraxerías que fixesen ferramentas para recoller o fuel”. Ese día, sinala Víctor, aprenderon como retirar o chapapote.
Ese día había mar de fondo e a isto sumábase que o cru “era pesadísimo e botaba unha peste tan forte que a min tiveron que darme osíxeno dúas veces. Aquilo era desesperante, moito”. A desesperación que máis lles doía aos mariñeiros eran as informacións falsas que emitían as autoridades. “Non hai perigo” insistían desde Presidencia do Goberno central, mais na boca da ría de Arousa o conto era outro.
Ver esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- De tres a seis meses de prisión por tentar axudar a unha moza de 15 anos a aprender a conducir
- 10 feridos nun accidente de tráfico na Mezquita
- Incauta máis dunha tonelada de cocaína oculta en latas de atún con destino a Vigo
- Sabes para que se utilizarán parte das propiedades do narco Marcial Dorado?
- Investigan a morte dun menor que caeu desde unha xanela
- A CIG lembra que morreron 6.500 persoas en listas de agarda de Política Social