¿Por que Leiceaga?

Sempre sentín que Compostela irradiaba unha luz especial. Un sentimento que me levaba na miña época de estudante a percorrer as súas rúas na procura dunha idea, dun pensamento. Dende a praza da Ferradura ata o parque de Bonaval. Dende os xardíns de Fonseca ata o café Literarios. Anos despois, un amigo e eu sempre nos referimos ese estado anímico cando por traballo ou pracer nos achegamos a Santiago, coa frase “a enerxía de Compostela”. Compostela é unha luz de modernidade, cultura e efervescencia socio cultural e política, que alumea con luz propia a Galiza. Unha luz que como dicía o ex alcalde Xerardo Estévez, non é punto final de camiño, senón punto de inicio cara un xeito de entender a modernidade e esa Europa de dereitos, liberdades e democracia da Ilustración. Santiago é Luces. Luces de Galiza.

Por Iván Vaqueiro | Vigo | 26/05/2016

Comparte esta noticia

Virxe da Cerca. Agardo a chegada dunha deses iconas da nosa mocidade, Ceferino Díaz, convidado a escoitalo falar de país, de futuro, a falar de Galicia. Esa persoa ao que as miñas ávidas lecturas sobre o galeguismo, inspiradas por un dos meus mestres, Ramón Villares, e a partir particularmente de “Os anos escuros”, de Xose Luis Franco Grande, me levaban dende Díaz Pardo, Benxamín Casal, Pereira, Carlos Casares,... ata Ramón Piñeiro. Foron as conversas con Ceferino Díaz as que me fixeron apreciar inda máis se cabe Compostela como metáfora da Galicia emprendedora e ilusionante.

Cando no debate sobre a capitalidade de Galicia as grandes cidades como Coruña ou mesmo Vigo, reclamaban a capitalidade xa se albiscaba que as grandes urbes pugnaban en chave local e pouco lles ía importar o proxecto de país, feito que dun xeito ou outro, logo reproduciron os partidos galegos con maior ou menos impacto no seu devir autonómico. No caso do PSdeG, como ben afirmaba Fernando Jiménez na obra colectiva Partidos Políticos en Galicia, os hiper liderados locais levaron sempre á inestabilidade ao liderado autonómico do PSdeG. Isto quedou patente en moitos conflitos internos na vida orgánica dende os anos 90, e xa máis recentemente no conflito localista entre Vigo e Coruña durante a fusión das caixas de aforros. Durante o proceso importaba a estes rexedores máis onde estivese a sede social, que o capital galego da nova entidade, o resultado en chave local máis que o proceso autonómico. Tan só unha voz, a do voceiro parlamentar do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, alumeou unha posición en chave galega defendendo a galeguidade da futura entidade, trenzando unha posición autonómica de defensa do interese xeral. Nese intre, reviviu nel a posición dun PSdeG forte, centrado en Galicia, con identidade en chave de país e forza discursiva propia.

2016. Primarias do PSdeG. As vellas pantasmas do “sorpasso” acosan ao PSdeG novamente. Vellos liderados coma os de Pachi Vázquez, Paco Vázquez, López Orozco ou Pepe Blanco parapétanse tras o veterano Méndez Romeu, que afirma que só se presenta a presidente. Detras delo subxace o pacto Caballero – Romeu permita gañar un congreso e aliñar ao PSdeG xunto ás teses de Susana Díez, non escatimando para elo metralla algunha contra as Mareas para dinamitar calquera acordo. Hoxe, asistimos pasmados ao discurso dun candidato que bombardea con napalm argumental a unha forza que a superou nas eleccións municipais en boa parte de Galicia nas últimas eleccións xerais. Case como Paco Vázquez en 2004. Claro que daquela Emilio Pérez Touriño tivo claro que a aposta por unha maioría social en Galicia esixía un papel activo do PSdeG no liderado dun goberno de cambio que contara co BNG.

En medio desta voráxine de ex altos cargos e cargos orgánicos tocando a xenerala contra a posibilidade de cambio en Galicia, xurde non obstante, a voz do socialismo galego sereno e construtivo. A voz do socialismo que impulsou un Estatuto de Autonomia digno, a voz de Rodriguez Pardo e Ceferino Díaz, a voz do goberno tripartito de Fernando González Laxe que tanto ben lle fixo a Galicia, o Miguel Barros da lei de Universidades, a creación do SERGAS, do primeiro polígono tecnolóxico de Galicia (Tecnopole), a voz do galeguismo de Emilio Pérez Touriño, que impulsou o cambio político no postfraguismo e medidas de calado social como a gratuidade dos libros de texto, a lei do litoral e incontables medidas de mellora social...

Xoaquín Fernández Leiceaga parece ter esa sensibilidade política. Cun discurso sensato en chave de país, o que fai é entroncarse na liña de pensamento do galeguismo cívico socialista que quere un PSdeG autónomo e non instrumental, cun modelo de España plural e cosmopolita. E que ademais chega con afán integrador, pero non se confundan, ten claro que é preciso unha profunda renovación discursiva e xeracional no PSdeG. Por iso tendeu a man non só á xente nova senón a todos aqueles que tivesen esa mesma teima. Por iso propuxo a Gonzalo Caballero a integración no seu proxecto, dando con elo peso específico ás voces que piden unha transformación rexeneradora do PSdeG. “As mans do rei son as mans que curan”, escribía J.R.R. Tolkien na boca do mago Gandalf sobre os coñecementos curativos dos que facía gala o rei Aragorn na súa obra “O señor dos Aneis”.

Tese. Cando o PSdeG se erixiu na enerxía transformadora dun cambio social plural en Galicia, o fixo liderando gobernos co apoio da maioría social como o tripartito de Fernando González Laxe con Coalición Galega e o PNG, ou o goberno bipartito de Emilio Pérez Touriño co BNG.

Antítese. Cando se encapsulou en batallas localistas, posicións unidireccionais ou chauvinistas, retrocedeu electoral e socialmente. A vitoria nas grandes cidades e o aumento de peso político no PSdeG dos alcaldes sempre tivo a contrapartida negativa de artellar un contrapoder que minaba os liderados autonómicos, que se facían reféns dos hiperliderados localistas, bos xestores no local, pero excesivamente preocupados por eclipsar o proxecto galego. Ergo, vitoria nas locais pero derrota nas eleccións autonómicas e nas eleccións xerais.

Síntese. O vento do espírito percorre as rúas de Compostela. Os vellos castiñeiros e carballos da alameda de Santa Susana e do Campus Sur atesouran as inquedanzas e anceios de centos de mozos e mozas universitarios dende incontables anos, non só de Compostela, como recordatorio de todos os que durante anos traballaron na procura dun país mellor. A cidade universal símbolo de Galicia, que sempre foi quen de recoller o mellor do país. O punto de encontro que non é fin de ningún camiño, senón principio dun. O que que leva dende Compostela ao humanismo europeo, o que suma as catro provincias, o que saca o mellor de Ourense, de Vigo, de Pontevedra, de Coruña, de Lugo. O que fai de Compostela unha célula de universalidade. Traballadores, comerciantes, sindicalistas, axentes sociais e económicos, o mundo creativo da cultura, dos emprendedores, o mar, o agro... Os homes e mulleres deste país. Cada páxina dos libros das bibliotecas universitarias, as páxinas do xornal de barra de bar, os debates de estudantes e mestres, as manifestacións contra cotas lácteas ou cotas de cerco, as noites sen fin de diálogos sobre o futuro do país ou a efervescencia cultural, social e política. En resumo, a enerxía transformadora do pais.

A enerxía de Compostela. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Iván Vaqueiro Nicolás Iván Vaqueiro Gradín (O Porriño, 1977). Politólogo e Consultor, dirixe unha empresa de consultoría empresarial Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC É Diploma de Estudos Avanzados (DEA) de Doutoramento na Facultade de Ciencias Políticas e da Administración da USC no programa "Procesos Políticos Contemporáneos" Master en Dereito Urbanístico e Medioambiental pola Universidad de Vigo. Colaborador de varios medios de prensa e revistas galegas www.ivanvaqueiro.blogspot.com @ivanvaqueiro